O BNG presenta o proxecto dunha cidade deportiva no Couto como aposta de futuro para Ourense

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo o proxecto de transformación urbana “O Couto, cidade deportiva” como exemplo do que definiu como o “proxecto de futuro” da formación para Ourense. A iniciativa, presentada este martes, busca revitalizar o barrio e impulsar un cambio económico, social e urbanístico na cidade das Burgas.
Pontón asegurou durante o acto que “desde o BNG estamos convencidos e convencidas de que hai outro Ourense posible, temos un proxecto de futuro para esta cidade e a cidade deportiva do Couto é un exemplo desa cidade en grande, de futuro, moderna e con benestar social que queremos poñer en marcha”, en referencia á proposta compartida co portavoz municipal, Luís Seara.
A líder nacionalista insistiu en que non se trata só dunha reforma do estadio existente, senón dunha intervención máis ampla. “Estamos 77 anos despois da construción do estadio do Couto e non é momento de poñer un parche, senón de poñer en marcha unha cidade deportiva do século XXI”, sinalou, subliñando a vontade de ir máis alá dunha simple actualización das instalacións actuais.
O proxecto inclúe un complexo deportivo multifuncional, con criterios de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, pensado tanto para o deporte profesional como para o uso cidadán. Segundo explicou Pontón, trátase dun equipamento que aspira a ser “referente en Galiza” e capaz de acoller distintas actividades deportivas e sociais.
A portavoz nacional destacou tamén o impacto económico que podería xerar a proposta, tanto na fase de construción como na súa posterior actividade, ao atraer competicións e eventos. Isto, dixo, repercutiría en sectores como a hostalería, o comercio e os servizos, ademais de contribuír á proxección exterior da cidade.
Desde o punto de vista social, Pontón sinalou que o proxecto busca favorecer a cohesión e promover hábitos de vida saudables, ao tempo que se abre á cidadanía e ao tecido deportivo local. Tamén subliñou o seu impacto urbanístico, ao permitir a recuperación e modernización dunha área actualmente degradada. “Se o BNG ten responsabilidades na Alcaldía de Ourense, este será un proxecto prioritario para nós”, afirmou.
Pola súa parte, Luís Seara cualificou a proposta como “ambiciosa, realista e factible”, destacando que combina a creación de instalacións deportivas modernas coa mellora do barrio e da mobilidade. Segundo indicou, o proxecto permitiría recuperar espazos abandonados e humanizar a contorna do Couto.
Seara defendeu que o estadio debe manterse no barrio, xa que “non se entende o Couto sen o estadio, nin o estadio se entendería noutro espazo que non fora O Couto”. Ademais, explicou que o plan contempla conservar a grada de Tribuna como elemento simbólico, mentres se desenvolvería un novo complexo con instalacións polideportivas, ximnasio e zonas multiusos.
A proposta inclúe tamén a creación de aparcadoiros disuasorios e novos accesos ao barrio, así como unha reorganización do espazo que facilite a mobilidade e a integración urbana. O custo estimado sitúase entre os 20 e os 25 millóns de euros, con previsión de financiamento compartido entre distintas administracións.
Para Seara, o obxectivo final é transformar O Couto nun espazo máis habitable, verde e conectado, ao tempo que se impulsa a súa actividade social e económica.