O BNG reclama medidas urxentes ante o "colapso" das urxencias do CHUO e esixe unha mesa de traballo co persoal

OurenseXa
Os nacionalistas lembran que 17 dos 22 médicos e médicas do servizo de Urxencias subscribiron un comunicado no que alertan dos riscos tanto para os pacientes como para os traballadores
noa-presas-chuo
5 Jun 2026

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, anunciou este venres que o BNG levará ao Parlamento galego a situación que, segundo denunciou, atravesan as urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que cualificou como de “absoluto colapso” debido á falta de persoal.

Presas acusou ao Goberno galego do Partido Popular de manter unha política sanitaria “temeraria” ao non garantir, segundo afirmou, nin sequera a metade dos profesionais necesarios para o correcto funcionamento do servizo. Neste sentido, advertiu de que “a situación de falta de persoal e precariedade non pode continuar máis porque é un perigo público”.

A deputada sinalou ademais que 17 dos 22 médicos e médicas do servizo de Urxencias subscribiron un comunicado no que alertan dos riscos tanto para os pacientes como para os traballadores. Para o BNG, esta situación evidencia a necesidade de actuar con urxencia e abandonar medidas que consideran insuficientes.

Neste sentido, criticou ferramentas postas en marcha pola Xunta como a declaración de prazas de difícil cobertura, que cualificou como “parches” ao considerar que “a figura de praza de difícil cobertura naceu xa fracasada, sen apoio do persoal e sen solvencia real e a proba é que non serviu nin para Ourense nin para o resto do país”.

O BNG reclama a creación inmediata dunha mesa de traballo co persoal do CHUO e cos colexios profesionais co obxectivo de analizar o incremento de persoal necesario e abordar a situación específica da área sanitaria de Ourense. A proposta inclúe tamén a posta en marcha dun plan de retención e captación de profesionais que garanta estabilidade laboral e condicións atractivas para a formación, a investigación e a organización do traballo.

Presas cuestionou tamén a falta de actuación do Executivo autonómico nos últimos anos e afirmou que o Goberno galego debe explicar por que non adoptou medidas malia as advertencias previas. Lembrou ademais o contexto demográfico da provincia, sinalando o elevado envellecemento da poboación e o incremento das necesidades asistenciais.

Para o BNG, a situación actual é consecuencia dunha falta estrutural de planificación sanitaria. “O sistema sanitario non pode depender da sobreexplotación dos seus recursos humanos”, advertiu a formación, que considera “prioritaria” unha mellora da dotación de persoal no CHUO, ao tratarse dun hospital de referencia para máis de 300.000 persoas en determinadas especialidades e urxencias derivadas doutras áreas sanitarias da provincia.

A formación nacionalista conclúe que o funcionamento actual do servizo de urxencias, segundo os datos que manexa, supón unha situación “de absoluta temeridade” e reclama actuacións inmediatas por parte da Xunta.

0.12531709671021