O BNG reclama un plan urxente para frear o deterioro do emprego na provincia de Ourense

O BNG trasladará ao Parlamento de Galicia a preocupación pola evolución do mercado laboral na provincia de Ourense tras os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). A formación nacionalista rexistrou unha batería de iniciativas co obxectivo de que a Xunta detalle que actuacións ten previsto desenvolver para afrontar unha situación que cualifica de especialmente preocupante e que continúa situando a provincia entre as peores do Estado en indicadores de actividade e emprego.
O deputado Iago Tabarés explicou que a proposta busca que o Goberno galego presente un plan específico para Ourense, acompañado dun calendario de execución e dunha dotación económica, orientado a impulsar o emprego, recuperar poboación activa e favorecer que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto vital e laboral nas diferentes comarcas ourensás.
Segundo expuxo o parlamentario nacionalista, os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística reflicten unha tendencia estrutural que segue agravándose. A provincia mantén a taxa de actividade máis baixa do Estado, cun 46,08 %, e unha taxa de emprego do 41,38 %, moi afastada da media nacional.
O BNG tamén chama a atención sobre a evolución do segundo trimestre de 2026, período no que, segundo a EPA, desapareceron 5.200 postos de traballo netos. A formación sostén que o descenso da taxa de paro non responde á creación de emprego, senón á diminución da poboación activa, que se sitúa en 125.800 persoas, mentres que o número de persoas inactivas ascende xa a 147.200.
Os nacionalistas advirten ademais do impacto que esta realidade pode ter sobre o futuro demográfico e económico da provincia. Lembran que Ourense presenta unha idade media superior aos 51 anos, a máis elevada de Galicia, mentres que a porcentaxe de menores de 20 anos apenas representa o 13,29 % da poboación.
A través da iniciativa parlamentaria, o Grupo do BNG solicitará explicacións á Xunta sobre as causas polas que Ourense continúa encabezando os peores rexistros de actividade laboral e preguntará se o Executivo galego comparte a análise de que a redución do desemprego está vinculada á perda de poboación activa máis que á xeración de novos empregos.
Así mesmo, a formación reclamará información sobre as políticas previstas para incrementar as taxas de actividade e ocupación, atraer e fixar talento novo na provincia e coñecer se a Xunta dispón dun diagnóstico propio e de previsións sobre a evolución da poboación activa nos próximos anos.
Para Iago Tabarés, a situación require unha resposta "real e medible", baseada en medidas concretas que permitan fortalecer a capacidade produtiva da provincia e afrontar con garantías os retos sociais, económicos e demográficos de Ourense.