O BNG volve rexeitar o proxecto de Orzamento do Concello de Ourense para 2026

O BNG reiterou este martes o seu rexeitamento ao proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense para o exercicio 2026 durante a Comisión de Pleno celebrada esta mañá, convocada para ditaminar as contas municipais.
O expediente saíu adiante co apoio de Democracia Ourensana, mentres que o PP optou pola abstención e tanto o BNG como o PSdeG-PSOE votaron en contra.
Ao remate da sesión, o portavoz nacionalista, Luís Seara, insistiu nos argumentos xa recollidos na emenda de devolución presentada polo seu grupo. Segundo explicou, o primeiro problema detectado foi un defecto na tramitación do expediente, xa que inicialmente non fora sometido á correspondente Comisión de Pleno antes de ser elevado á sesión plenaria. “Partimos dun erro á hora de tramitar o expediente”, afirmou, engadindo que esa situación foi finalmente corrixida coa celebración da comisión deste martes.
Con todo, desde o BNG consideran que o proxecto continúa sendo incompleto debido á falta do informe de fiscalización da Intervención Xeral. Para Seara, trátase dun documento esencial, ao asegurar que é “preceptivo para que se poida levar e debater no Pleno”.
Os nacionalistas tamén cuestionan o contido das bases de execución do orzamento, ao entender que avanzan cara a “un modelo de Concello pouco transparente” e con maiores limitacións para o control e fiscalización económica. Neste sentido, sosteñen que as contas “consolidan o método DO”.
Outro dos aspectos criticados polo grupo nacionalista afecta ao capítulo de persoal. O BNG asegura que o expediente presenta deficiencias similares ás detectadas en anteriores orzamentos municipais, ao considerar que non se realizou a negociación colectiva coa representación sindical.
Ante esta situación, Luís Seara deixou clara a posición da súa formación de cara á aprobación definitiva das contas municipais. “Non ímos votar a favor deste Orzamento”, afirmou, engadindo que o BNG non avalará “este xeito de proceder”.