O campo de fútbol de O Lodairo, en San Cristovo de Cea, a punto para encarar unha longa tempada tras os traballos de mantemento

O campo de fútbol de O Lodairo foi sometido nos últimos días a unha serie de traballos de mantemento co obxectivo de deixar a superficie de xogo nas mellores condicións ao comezo da nova tempada deportiva.
As labores comezaron os días 10 e 11 de setembro, cando se revisou o estado do céspede e se repararon os desperfectos derivados do uso intensivo da instalación. Días despois, levouse a cabo unha nova intervención na que se empregou maquinaria de tecnoloxía avanzada.
En concreto, durante esta segunda fase realizouse o descompactado do caucho, o cepillado do manto e a extracción de obxectos metálicos e outros elementos impropios que se acumularan na superficie.
Tras estas actuacións, o terreo de xogo quedou, segundo se trasladou, en perfecto estado para afrontar unha tempada longa. A posta a punto beneficia ao CD Cea, así como aos equipos benxamín, alevín, infantil e cadete das Escolas Deportivas, que adestran e disputan os seus encontros como locais neste campo.
Un campo con actividade case toda a semana
O uso da instalación é constante ao longo da semana. O primeiro equipo adestra os martes e os venres, mentres que as Escolas Deportivas fano os martes e os xoves. A esta actividade súmanse os partidos oficiais como locais, que se disputan os sábados e os domingos.
Coa tempada recén iniciada, desde o contorno do club quíxose desexar sorte a todos os equipos e que o curso deportivo se desenvolva con éxito.