O campus acolle a mostra 'Rolando 2:15-2:45. 50 anos da primeira masacre de ETA'

OurenseXa
A mostra é unha iniciativa do Centro Memorial de Vítimas do Terrorismo e poderá visitarse ata o vindeiro 18 de outubro na entrada do Edificio de Ferro
inauguración-mostra-eta-campus-ourense
Inauguración da mostra 'Rolando 2:15-2:45. 50 anos da primeira masacre de ETA'
17 sep 2024

O campus de Ourense acolle a exposición 'Rolando 2:15-2:45. 50 anos da primeira masacre de ETA', que poderá visitarse ata o vindeiro 18 de outubro na entrada do Edificio de Ferro.

Na mostra relátanse os feitos acontecidos o 13 de setembro de 1974, cando unha bomba explotou no salón comedor da cafetaría Rolando, ao carón da Puerta del Sol, en Madrid, deixando 13 vítimas mortais e considerado como o primeiro atentado masivo da banda terrorista ETA.

A mostra é unha iniciativa do Centro Memorial de Vítimas do Terrorismo, sendo os seus comisarios Gaizka Fernández (responsable da Área de Arquivo, Investigación e Documentación deste centro); Ana Escauriaza (investigadora da Universidade de Navarra) e, por parte da Universidade de Vigo Julio Prada (decano da Facultade de Historia) e o investigador Pablo García, historiador especialista nesta banda terrorista.

A exposición está estruturada en 22 paneis e neles intercálanse os diferentes fitos do atentado coa historia persoal das 13 vítimas mortais, entre elas dúas de orixe galego: os coruñeses Baldomero Barral, de 24 anos, e a súa dona, María Josefina Pérez, de 21 anos, que se atopaban de visita na capital do estado. Tamén se reserva un espazo para lembrar a actuación de todas aquelas persoas que arriscaron a súa vida para axudar aos afectados, dende veciños anónimos e empregados dos establecementos afectados ata bombeiros, policías, sanitarios e taxistas, “cuxa intervención foi decisiva para que o número de vítimas non fose aínda maior”, sinalan desde a organización.

0.15308213233948