O Campus de Ourense acolle a mostra 'Elas Crean'

OurenseXa
A exposición propón un percorrido pola traxectoria de creadoras de ámbitos como as artes plásticas, a fotografía, o audiovisual e o deseño
mostra-elas-crean-campus-de-ourense
3 Jun 2026

A Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle, desde o pasado 25 de maio e ata o 19 de xuño, a exposición 'Elas Crean', unha iniciativa que busca dar visibilidade ao traballo de 15 mulleres referentes en distintos ámbitos creativos.

A mostra chega a Ourense tras percorrer durante o curso académico diferentes facultades do campus de Pontevedra, onde xa foi exposta previamente. No seu paso pola cidade, conta co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e da propia biblioteca, ademais do impulso do proxecto Campus Crea, promovido desde Pontevedra e financiado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

A exposición propón un percorrido pola traxectoria de creadoras de ámbitos como as artes plásticas, a fotografía, o audiovisual e o deseño. Entre os nomes recollidos figuran artistas como Maruja Mallo, Elena Colmeiro, Ángela de la Cruz ou Pamen Pereira, xunto a profesoras e creadoras vinculadas á Universidade de Vigo como Ana Soler ou Mar Caldas.

No ámbito audiovisual inclúense figuras como Margarita Ledo, Sonia Méndez e Jaione Camborda, mentres que no campo da fotografía destacan nomes como Cándida Filomena Otero, Eva Díez e Lúa Ribeira. A mostra complétase con referentes do deseño como Uqui Permui, o estudo Yarza Twins e Carmen Arias.

Elas Crean pretende poñer en valor a achega destas mulleres á creación contemporánea e reforzar a difusión da súa traxectoria dentro e fóra do ámbito universitario, ao tempo que achega ao público o traballo desenvolvido no marco do Campus Crea.

0.12300992012024