O Campus de Ourense acollerá o I Congreso do Programa Iacobus

OurenseXa
A cita nace para conmemorar os dez anos da posta en marcha desta iniciativa pioneira que fomenta a cooperación científica entre Galicia e Portugal
Presentación do I Congreso do Programa Iacobus
13 sep 2024

O campus de Ourense acollará, o vindeiro 18 de setembro, o I Congreso do Programa Iacobus para conmemorar os dez anos da posta en marcha desta iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que fomenta a cooperación e intercambio de persoal docente, investigador e de administración e servizos do ámbito da educación superior galega e portuguesa.

Na presentación do evento que tivo lugar este xoves no campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor deste campus, amosou a satisfacción e agradecemento da institución académica pola elección de Ourense para acoller a celebración deste primeiro congreso. O responsable académico puxo en valor o interese do programa Iacobus, do que el mesmo participou como docente e investigador, e da colaboración que ao seu redor se articula. Esta colaboración transfronteiriza, afirmou, “non suma senón que multiplica” o impacto das accións levadas a cabo.

As tres universidades públicas galegas (Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela), así como as universidades lusas de Porto, Minho, Trás-Os-Montes e Alto Douro, Católica Portuguesa e os institutos politécnicos de Porto, Viana do Castelo e Bragança, participan no programa Iacobus xunto a centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas. Nesta década de existencia, indican desde a organización do congreso, a iniciativa destinou máis de dous millóns de euros a financiar estadías de investigación (máis de 1400 desde o seu inicio), patentes e artigos conxuntos publicados en revistas científicas, contando co apoio da Unión Europea a través do Programa Interreg, concretamente do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (Poctep), que achega ata o 75% do investimento.

Arredor de 150 persoas asistirán a este primeiro congreso, que está previsto que sexa inaugurado por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e António Cunha, presidente do CCDR Norte (Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte-Portugal).

0.15376591682434