O campus de Ourense honra a figura de Xosé Velo cunha exposición biográfica

OurenseXa
A mostra poderá visitarse ata finais deste mes de maio no Edificio de Ferro do Campus de Ourense
expo-uvigo-ourense
Exposición 'Love Velo' no Edificio de Ferro do Campus de Ourense
2 may 2024

O Edificio de Ferro do Campus de Ourense acolle ata finais de maio unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo quen, a principios de 1961, dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas.

Baixo o título 'Love Velo', forma parte do proxecto de recuperación da memoria de Xosé Velo desenvolvido arredor de 2022 con motivo dos 50 anos da morte do homenaxeado, contando coa colaboración de diferentes entidades, como a Asociación Galega de Cultura e Desenvolvemento Rural.

Xosé Velo Mosquera, explican dende o campus de Ourense, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935. Despois da guerra trasladouse a Vigo, onde o detiveron pola súa actividade antifranquista. En 1948 fuxiu a Portugal e foi detido, aínda que grazas á mediación do Unitarian Service e ao apoio do goberno de Rómulo Gallegos, puido trasladarse a Venezuela. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e, como delegado desta institución, participou activamente no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires. En 1959 fundou o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María, acción que pretendía denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. O goberno brasileiro acolleu aos secuestradores como refuxiados políticos, e Velo e o seu fillo Vítor, que tamén participara no secuestro, establecéronse en São Paulo. Nesta cidade fundou unha libraría (Nós) e logo unha editorial (Galiza Ceibe), pouco antes de morrer, dun cancro de pulmón, aos 55 anos de idade.