O campus de Ourense promove un programa para achegar o románico galego á cidadanía

OurenseXa
A iniciativa realízase en colaboración coa Fundación Santa María la Real e co apoio de Redeia e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia
Santo Estevo de Ribas de Sil
17 May 2026

Un equipo da Facultade de Historia do campus de Ourense da Universidade de Vigo, integrado polo profesor Victoriano Nodar e o investigador predoutoral Diego Fernández, participa no proxecto “Redescubre o Románico de Galicia”, promovido pola Fundación Santa María la Real e co apoio de Redeia e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

O proxecto busca achegar o románico galego á cidadanía mediante formatos dixitais e presenciais, como un curso online, podcasts, acceso á Enciclopedia del Románico e un seminario presencial.

Desde a Facultade de Historia do campus de Ourense, os dous investigadores participan na elaboración dos contidos do MOOC, centrados na investigación, documentación e preparación dos materiais audiovisuais. Ademais, tamén interveñen como relatores no seminario e colaboran na súa organización.

O curso en liña, dispoñible a partir do 20 de maio, estrutúrase en tres bloques temáticos: o románico compostelán, o románico e os mosteiros, e o denominado “Arte 1200”, que aborda o final do estilo e o seu máximo esplendor. O contido inclúe referencias á construción da catedral de Santiago, á escultura románica, á iconografía monástica e á difusión de correntes estilísticas como a mateana ou a hispano-borgoñona, con especial atención á catedral de Ourense.

No plano presencial, o seminario “Redescubre o Románico de Galicia” desenvolverase os días 20 e 21 de maio en Santiago de Compostela e Ourense. A programación inclúe conferencias de especialistas en arte medieval, visitas guiadas e sesións dedicadas á expansión do románico en Galicia. A primeira xornada terá lugar en San Martín Pinario, mentres que a segunda se trasladará ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense, con relatorios centrados na Ribeira Sacra e no monacato galego.

0.12308406829834