O Carballiño acollerá este sábado o seu primeiro torneo de xadrez ao aire libre no Parque Municipal

OurenseXa
Preto dun cento de xogadores e xogadoras de todas as idades competirán no contorno do palco da música, nunha xornada organizada xunto a dúas entidades do xadrez ourensán
torneo_xadrez_carballiño
3 Sep 2026

O Concello do Carballiño organiza este sábado, 5 de setembro, a primeira edición do Torneo San Cibrao de xadrez ao aire libre, en colaboración coas entidades Xadrez no Rural e o Club Deportivo Xadrez Ourense. A competición disputarase no contorno do palco da música do Parque Municipal entre as 16.00 e as 20.00 horas.

Durante a presentación da actividade, celebrada esta mañá, o alcalde en funcións, José Castro-Gil, destacou o crecente interese que espertan este deporte no municipio, sinalando que cada vez son máis as persoas que se achegan á escola local de xadrez, motivo polo cal o goberno local decidiu apostar por impulsar esta disciplina e facilitar que a veciñanza poida gozar dela.

Pola súa banda, Luis Fernández, representante de Xadrez no Rural e do Club Deportivo Xadrez Ourense, animou á poboación a inscribirse nesta cita, aberta a participantes de calquera idade e pensada, segundo explicou, para compartir en familia, permitindo que tanto os que se inician no xadrez como os xogadores máis experimentados poidan tomar parte. Así mesmo, indicou que o formato das partidas permitirá enfrontamentos entre participantes de distinto nivel, de xeito que menores con gran manexo do xogo poderán medirse con adultos con menos experiencia.

As inscricións permanecen abertas ata o propio sábado a través do correo torneosourense@gmail.com. Fernández lembrou que quedan poucas prazas libres e animou a quen estea interesado a apuntarse canto antes. O torneo repartirá premios en material deportivo para os tres primeiros clasificados das categorías sub-12 e absoluta, valorados en 50, 30 e 20 euros no caso da categoría sub-12, e en 200, 100 e 50 euros na absoluta. Ademais, realizaranse varios sorteos entre todos os participantes.

0.16779398918152