O Carballiño acollerá este sábado unha exhibición de kick boxing, hapkido e jiu-jitsu brasileiro

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Deportes, colabora este sábado nunha exhibición organizada pola Escola Madokoan, na que o público poderá ver en acción ao alumnado do centro en tres disciplinas: kick boxing, hapkido e jiu-jitsu brasileiro (BJJ).
O acto terá lugar na Praza da Veracruz a partir das 19.30 horas. Segundo explicou o fundador da escola, Claudio Mateo, durante a presentación da actividade, mostraranse as tres modalidades que se ensinan no centro: o jiu-jitsu brasileiro, centrado no combate no chan; o hapkido, que combina técnicas de pé e de chan; e o kick boxing, baseado nos golpes de perna e puño.
O alcalde en funcións, José Castro-Gil, salientou durante a presentación a importancia de visibilizar estas disciplinas, moi practicadas entre os veciños da localidade, e puxo en valor o labor da escola á hora de achegar o deporte ás xeracións máis novas.
O rexedor destacou ademais que este é un ano especialmente positivo para o centro, xa que catro dos seus rapaces e rapazas lograron a clasificación para o Campionato Mundial de Kick Boxing, que se celebrará o próximo mes de novembro en Aranjuez. Castro-Gil agradeceu o papel da escola á hora de levar o nome do Carballiño por distintos puntos de España e Europa.