O Carballiño afronta o fin de semana grande do San Cibrao coa Festa da Xuventude e unha nova tirada de fogos de artificio

OurenseXa
O municipio continúa mañá venres as celebracións patronais con pasarrúas, orquestra, unha segunda tirada pirotécnica adicada á Festa do Pulpo e unha discomóbil na Praza Maior
Festas O Carballiño 2026
17 Sep 2026

O Carballiño vive hoxe a xornada festiva adicada a San Cibrao, aínda que a localidade xa mira cara ao fin de semana, cando terán lugar algunhas das citas máis destacadas do programa de festas. Entre elas destacan a Festa da Xuventude e a segunda tirada de fogos de artificio, ambas as dúas previstas para mañá, venres 18 de setembro.

A xornada comezará coa Charanga Dr. Anchoa, que percorrerá as rúas en pasarrúas a partir das 11.30 horas, actuación que se repetirá pola tarde desde as 19.30 horas. Xa avanzada a tarde, a Orquestra Principal ofrecerá dous pases na rúa Calvo Sotelo: o primeiro ás 20.00 horas e o segundo ás 23.30 horas.

Ás 23.00 horas, o Parque Municipal será o escenario da segunda gran tirada de fogo fixo e voador destas festas. Trátase dun espectáculo cun carácter especial, xa que estará adicado á Festa do Pulpo, cita que cada ano reúne a milleiros de visitantes no municipio.

Pola súa banda, a Praza Maior acollerá desde as 23.30 horas a Festa da Xuventude, que este ano incorpora como novidade a discomóbil A Gramola. Esta proposta dá continuidade á que xa tivo lugar durante a última edición da Festa do Pulpo e contará coa presenza de varios DJ de recoñecida traxectoria, entre eles Saúl Gallego, Imcode, Duo y Medio e Diego Valeiras.

0.1600329875946