O Carballiño celebra ao seu patrón San Cibrao con música e procesión

OurenseXa
A xornada festiva incluirá pasarrúas, concertos e a tradicional procesión en honra ao patrón
Festas O Carballiño 2026
16 Sep 2026

O Carballiño vivirá mañá unha xornada festiva dedicada ao seu patrón, San Cibrao, combinando o compoñente relixioso con actividades musicais ao longo de todo o día.

A celebración comezará ás 11,30 horas coa misa en honra ao patrón, que se oficiará no Templo da Veracruz. Antes desta cita relixiosa, a Agrupación Musical de Boborás realizará un pequeno pasarrúas desde a Praza Maior ata a entrada do templo. Esta mesma agrupación será a encargada de acompañar musicalmente a imaxe de San Cibrao durante a procesión que se celebrará unha vez rematada a misa, e ao final desta ofrecerá un concerto na Praza da Veracruz.

Coincidindo tamén coas 11,30 horas, a Charanga CLK iniciará o seu propio pasarrúas polas rúas da localidade, actuación que se repetirá máis tarde, ás 19,30 horas.

Xa pola tarde, a partir das 20,00 horas, a Praza Maior será escenario do concerto da Gallaecia Big Band, unha actuación incluída na programación do segundo semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA).

A xornada festiva prolongarase ata a noite, cando a orquestra Olympus tome o relevo musical a partir das 23,00 horas na Praza da Veracruz, pondo así o remate ás celebracións en honra ao patrón carballinés.

0.1569709777832