O Carballiño encara os días grandes das festas de San Cibrao

O Carballiño disponse a vivir os días máis intensos das súas festas patronais en honra a San Cibrao 2026. O municipio preparou unha programación variada que combina pasarrúas, actuacións de música tradicional e grandes orquestras, nun homenaxe anual ao seu patrón. Os actos, impulsados pola comisión de festas de San Cibrao coa colaboración do Concello, arrincan mañá e prolongaranse até o sábado 19, xornada na que, como manda a tradición, se celebra a Romaría da Saleta.
Entre as propostas que xeran máis expectación entre a veciñanza figuran as dúas tiradas de fogos de artificio previstas —a habitual da noite do día 16 e outra adicional o día 18, dedicada á Festa do Pulpo— ademais da gran Festa da Xuventude, que dará continuidade á celebración organizada con motivo da devandita Festa do Pulpo. Tanto a comisión organizadora como o goberno local animaron á veciñanza e tamén á poboación do resto da provincia a participar na ampla oferta de actividades.
A xornada de mañá porase en marcha cedo, ás 11.30 horas, co pasarrúas da Charanga Castrobello, que percorrerá as rúas do municipio e se repetirá pola tarde, ás 19.00 horas. Ás 18.30 horas terá lugar o concerto da Escola Moderna Pulpo Beats, e xa avanzada a tardiña, a verbena correrá a cargo do Grupo Assia na Praza Maior, cun primeiro pase ás 20.30 horas e un segundo ás 23.00 horas.
O mércores 16 celebrarase o tradicional Feirón do Carballiño, amenizado por un grupo de música tradicional da vila. Ás 20.00 horas actuará a orquestra Gran Parada na Praza Maior, no seu primeiro pase da xornada. Ás 23.00 horas realizarase a gran tirada de fogo fixo e voador no Parque Municipal, unha das citas máis salientables do programa. Media hora despois, ás 23.30 horas, Gran Parada ofrecerá o seu segundo pase na Praza Maior, mentres que ás 00.30 horas a orquestra Combo Dominicano tomará o relevo na Praza da Veracruz.
O xoves, día grande dedicado a San Cibrao, comezará ás 11.30 horas co pasarrúas da Charanga CLK, que se repetirá ás 19.30 horas polas rúas do municipio. Durante a tarde tamén actuará a Agrupación Musical de Boborás, e a xornada vespertina pecharase co concerto da Gallaecia Big Band na Praza Maior, ás 20.00 horas. Pola noite, será a orquestra Olympus a encargada de poñer a banda sonora á festa a partir das 23.00 horas na Praza da Veracruz.
O venres 18 arrincará co pasarrúas da Charanga Dr. Anchoa, ás 11.30 horas, que volverá percorrer as rúas a partir das 19.30 horas. A xornada continuará coa Orquestra Principal, que actuará na rúa Calvo Sotelo cun primeiro pase ás 20.00 horas e un segundo ás 23.30 horas.
Ás 23.00 horas, o Parque Municipal acollerá a segunda gran tirada de fogo fixo e voador, unha proposta especialmente destacada por estar dedicada á Festa do Pulpo, celebración que reuniu a milleiros de persoas ao longo das tres semanas de actividades previas. A partir das 23.30 horas, a Praza Maior será escenario da Festa da Xuventude, coa coñecida discomóbil A Gramola como unha das grandes novidades desta edición. Esta cita, concibida como continuación da celebrada durante a Festa do Pulpo, contará coa participación de dj's como Saúl Gallego, Imcode, Duo y Medio e Diego Valeiras.
O sábado 19 terá lugar a Gran Romaría da Saleta, a tradicional cita relixiosa que cada ano congrega a milleiros de persoas. Paralelamente, na propia vila celebrarase o tradicional Memorial José Luis Blanco, un encontro de coches clásicos e históricos que convoca a numerosos afeccionados ao motor e aos vehículos antigos, e que comezará ás 10.00 horas na Praza da Veracruz. Pola tarde, ás 17.00 horas, impartirase unha masterclass a cargo do fotógrafo Mario Cea na Casa da Cultura, dentro das actividades enmarcadas no Arenteiro Fotográfico.
Xa o domingo 20, como remate da semana grande, celebrarase o Día do Neno, xornada que incluirá descontos para os máis pequenos en atraccións e xogos.