O Carballiño da luz verde definitiva ao novo viveiro de empresas

OurenseXa
O centro, situado na Área Empresarial, ofrecerá espazo e servizos a novas compañías industriais durante un máximo de catro anos
empresa-industria-poligono-recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
6 Oct 2026

O viveiro industrial de empresas do Carballiño conta xa co regulamento definitivo que marcará o seu funcionamento. O texto, aprobado de forma provisional meses atrás, quedou validado ao non se rexistrar ningunha reclamación nin suxestión durante o prazo habilitado para que veciños e entidades puidesen presentar observacións.

O viveiro localízase na Área Empresarial do Carballiño, nunha nave de nova construción cunha superficie total de 389,63 metros cadrados. O edificio conta con tres espazos de traballo diferenciados —de 78,50, 75,52 e 78,50 metros cadrados respectivamente—, ademais dunha sala de reunións que tamén poderá empregarse como aula de formación, unha oficina destinada á xestión do centro, vestiarios e aseos separados para homes e mulleres.

O obxectivo desta infraestrutura é servir de punto de acollida temporal para empresas de recente creación, en proceso de constitución ou mesmo proxectos aínda por materializar, ofrecéndolles un espazo e unha serie de servizos adaptados ás súas necesidades durante os seus primeiros pasos. Con isto, búscase favorecer o nacemento e a consolidación de novas compañías de carácter industrial, impulsar a xeración de emprego na zona e reforzar o tecido produtivo local.

Quen pode optar a un espazo

Poderán solicitar entrada tanto as empresas recentes —aquelas xa constituídas que non superen os doce meses dende a súa creación— como as empresas en proxecto, que aínda non existen formalmente pero prevén constituírse nun prazo máximo de seis meses tras recibir a autorización. En ambos os casos, a estancia máxima permitida no viveiro será de 48 meses.

As compañías interesadas deberán ter, ou comprometerse a trasladar nun prazo de tres meses, o seu domicilio social e fiscal no Carballiño. Ademais, deberán desenvolver unha actividade de carácter industrial, aínda que de xeito excepcional tamén poderán admitirse iniciativas vinculadas á cadea de valor industrial ou, se algún espazo leva máis dun ano baleiro, outro tipo de proxectos empresariais non industriais.

Como se valoran as solicitudes

As peticións serán estudadas por unha comisión técnica que puntuará cada proxecto atendendo a criterios obxectivos: a viabilidade técnica e económica da actividade (ata 7 puntos), o grao de innovación (ata 2 puntos), a capacidade de xerar emprego (ata 7 puntos) e a situación de desemprego do promotor (2 puntos). Só se admitirán aqueles proxectos que acaden, como mínimo, a metade da puntuación máxima posible.

Aquelas solicitudes que, aínda cumprindo os requisitos, non consigan un espazo por falta de dispoñibilidade, pasarán a formar parte dunha bolsa de proxectos empresariais, dende a que se irán cubrindo as vacantes que vaian xurdindo segundo a orde de puntuación obtida.

Obrigas das empresas instaladas

Unha vez concedido o uso dun espazo, as empresas disporán dun máximo de tres meses para iniciar a súa actividade e deberán subscribir un seguro de responsabilidade civil que cubra posibles danos a terceiros, cuns límites mínimos de 300.000 euros tanto en responsabilidade civil xeral como por vítima. Tamén terán que facerse cargo dos gastos derivados do consumo de auga, luz, limpeza ou conexión a internet nas zonas comúns, así como das instalacións eléctricas, de fontanería e de evacuación de augas que precisen dentro do seu propio módulo, xa que as naves só contan coas conexións básicas.

Sancións por incumprimento

O regulamento tamén fixa un sistema de sancións para quen incumpra as súas obrigas unha vez instalado no viveiro. As infraccións divídense en tres niveis segundo a súa gravidade.

Considéranse leves aquelas faltas que non estean recollidas como graves ou moi graves, e poden castigarse cun apercibimento ou cunha multa de ata 750 euros.

Entre as infraccións graves figuran facer un uso indebido do mobiliario ou dos espazos comúns, introducir nas instalacións elementos non autorizados, dificultar as labores de control por parte do persoal municipal, destinar o espazo a fins distintos dos autorizados ou que a actividade a desenvolvan persoas diferentes ás recollidas na autorización. Estas faltas sancionaranse con multas de entre 751 e 1.500 euros.

As infraccións máis severas, cualificadas como moi graves, inclúen impedir o uso dos equipamentos a outros usuarios con dereito a eles, provocar danos importantes nas instalacións, carecer da autorización necesaria para ocupar o espazo, falsear datos sobre a actividade desenvolvida, subtraer bens propiedade do Concello, realizar actividades que poñan en perigo a persoas ou bens, ou coaccionar ou ameazar a outros usuarios ou ao persoal do viveiro. Estas condutas poden acarrear multas de entre 1.501 e 3.000 euros, ademais da posible perda da autorización para seguir utilizando o espazo.

0.11817407608032