O Carballiño recolle preto de 260 toneladas de lixo durante a fin de semana grande da Festa do Pulpo

O Concello do Carballiño retirou un total de 258,82 toneladas de lixo desde o sábado ata a mañá deste luns, coincidindo coa fin de semana grande da 64ª Festa do Pulpo, que levou milleiros de persoas á localidade.
A elevada afluencia de visitantes fixo necesario reforzar o traballo dos servizos municipais de limpeza para manter en boas condicións as rúas e o Parque Municipal, un dos principais puntos de concentración durante a celebración.
Os residuos recolléronse tanto nas rúas como no propio Parque Municipal e nos contedores urbanos e rurais do municipio.
Desde a Concellería de Benestar Comunitario, dirixida por Rosa Fuentes, puxeron en valor o traballo desenvolvido durante toda a fin de semana polo persoal de Limpeza Viaria, os servizos de recollida de lixo da Deputación e o Grumir, así como a colaboración da Policía Local.
“Grazas ao seu traballo e esforzo durante toda a fin de semana, as rúas da vila amaneceron xa limpas tanto o domingo coma hoxe”, destacou Fuentes.
No Parque Municipal, onde este domingo se celebraron a Festa do Pulpo e a Festa da Xuventude, os equipos de limpeza retiraron 21,12 toneladas de lixo.