O Centro Comercial Aberto de Ourense recibe preto de 44.000 euros para dinamizar o comercio

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a sede da Asociación de Comerciantes Empresarios e Profesionais do Centro Comercial Aberto de Ourense, onde informou ao seu presidente, Luis Rivera, da concesión dunha achega de preto de 44.000 euros para a entidade.
A subvención corresponde á última resolución das axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinadas á dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia. Estas achegas están orientadas ao desenvolvemento de actividades que incentiven o consumo e contribúan á captación de clientela co obxectivo de incrementar as vendas.
Segundo explicou Manuel Pardo, a convocatoria forma parte do compromiso da Xunta coa dinamización comercial e incorpora medidas de simplificación administrativa, así como novos criterios de valoración. Entre estes aspectos atópanse a formación dos comerciantes, a fidelización da clientela e a capacidade dos centros para atraer novos establecementos asociados.
Outra das novidades desta edición é a inclusión entre os servizos subvencionables das ludotecas e dos espazos de lecer infantís.
Durante a súa visita, o delegado da Xunta destacou o papel que desempeñan os centros comerciais abertos na dinamización do sector e no apoio aos pequenos negocios. Esta actuación sitúase na liña marcada polo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
O plan ten entre os seus obxectivos aumentar a competitividade do comercio galego mediante a modernización, a innovación, a sustentabilidade e a incorporación das novas tecnoloxías. Tamén busca consolidar o comercio como un sector profesional, cualificado, de calidade e fortalecido, promovendo ao mesmo tempo un consumo responsable e unha actividade sostible.
Ademais do Centro Comercial Aberto de Ourense, na provincia tamén resultaron beneficiarios desta convocatoria os centros comerciais abertos de Xinzo de Limia, que recibirá preto de 25.000 euros; O Barco de Valdeorras, con preto de 44.000 euros; Celanova, con 44.000 euros; Verín, con preto de 75.000 euros; e O Carballiño, con 32.000 euros.
As achegas teñen como finalidade contribuír á revitalización do comercio local como un elemento considerado esencial para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades da provincia de Ourense.