O Centro de Loita Integral contra o Lume de Toén acolle as “Xornadas sobre Territorios Rurais Intelixentes”
O Centro de Loita Integral contra o Lume de Toén encheuse esta mañá de alcaldes e representantes municipais para analizar os retos de futuro do rural ourensán a través das “Xornadas sobre Territorios Rurais Intelixentes”, que organizan a Deputación Provincial de Ourense e a Cátedra de Despoboación e Reto Demográfico de Next Educación.
Tal e como explicou o presidente provincial, Luis Menor, “presumimos das nosas aldeas e do noso medio rural, e estamos a dúas horas e cuarto de Madrid, o cal é unha oportunidade inequívoca para investir e para vivir, fixando poboación”. De aí que as xornadas de Toén están planificadas para “falar de solucións, coa fin de dar os servizos para vivir e traballar no noso rural. Se facemos das nosas aldeas territorios conectados e con servizos, seremos tremendamente competitivos á hora de captar poboación e investimentos”.
Precisamente, pola importancia destas xornadas, Menor transmitiu os seus parabéns aos organizadores e relatores, “que nos falarán das novas oportunidades do mundo rural, da conectividade por satélite, co gran exemplo de Toén, a nova realidade da Telemedicina e a enerxía renovable de autoxeneración, entre outros interesantes temas”.
O comunicador e promotor destas xornadas, Manuel Campo Vidal, agradeceu a sensibilidade do alcalde de Toén e do presidente da Deputación, exemplificando que neste concello teñen internet con satélite, sen necesidade de agardar pola fibra óptica. Un servizo do que na actualidade hai 43 instalacións e do que se benefician tanto familias como empresas. “Un territorio rural podémolo converter en intelixente con conectividade, enerxía de autoprodución e formación, como é o caso deste acto formativo”, explicou.
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, no seu primeiro acto público tralo seu nomeamento, recalcou que “desde a Xunta é esencial valorizar o noso Medio Rural, mellorando a vida dos seus cidadáns, e a tecnoloxía faino posible como amosan estas xornadas en Toén”.
Neste acto, a conselleira salientou que o concepto de territorio rural intelixente implica unha aposta polo progreso e por un futuro sustentable, que é o que -sinalou- “estamos empeñados en fomentar dende os poderes públicos en xeral e en concreto dende a Xunta de Galicia”.
Neste mesmo sentido, María José Gómez puxo en valor as solucións innovadoras que se están aplicando nas aldeas modelo, para incorporar un novo sistema de xestión máis eficaz e eficiente dos servizos públicos desde as administracións locais. Todo isto, adaptado neste caso á dispersión do territorio galego, ademais de, noutra liña central de traballo, potenciar a xestión da actividade agrogandeira ou implementar un sistema enerxético integral. Algo que beneficia especialmente ao territorio da provincia de Ourense, no que se sitúan a maior parte das aldeas modelo creadas en Galicia -14 do total das 21 que existen na comunidade autónoma-. Neste sentido, cómpre destacar que na propia aldea modelo de Trelle, neste concello de Toén, se están desenvolvendo iniciativas innovadoras deste tipo, un caso de éxito que precisamente será avaliado nesta xornada.
Ademais, o Goberno galego vén traballando para afrontar o reto demográfico, loitar contra o abandono de terras, propiciar a remuda xeracional das explotacións, reforzar a prevención e defensa fronte os incendios forestais e amparar e promocionar a calidade dos produtos agroalimentarios.
Iniciativa Leader
En relación co reto demográfico, compre poñer en valor a iniciativa Leader e o papel que realizan os 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia. Así, só no período 2014-2021 esta iniciativa europea apoiou máis de 1.700 proxectos en toda Galicia, consolidando preto de 4.000 postos de traballo e creando máis de 1.100 empregos no rural.
Con respecto á loita fronte o abandono, hai que mencionar o labor realizado ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que ofrece unha serie de instrumentos deseñados especialmente para cumprir esa función. Nesta liña, destacan os diferentes proxectos relacionados coa conectividade, as enerxías renovables e o aproveitamento das novas tecnoloxías que se están implementando nas aldeas modelo. Así, oriéntanse estes espazos a desenvolver solucións innovadoras para incorporar un novo modelo de xestión máis eficaz e eficiente dos servizos públicos desde as administracións locais, adaptado neste caso á dispersión do territorio galego, ademais de, noutra liña central de traballo, potenciar a xestión da actividade agrogandeira.
En parecidos termos, cómpre incidir na importancia de fomentar a remuda xeracional no agro e valorar as axudas xestionadas por Medio Rural para esta finalidade. Así, grazas a elas, no período 2009-2023 apoiouse a incorporación dun total de 4.700 mozas e mozos galegos que decidiron apostar polo agro como modo de vida.
Centro de Toén
No contexto deste acto, celebrado no Centro de Loita Integral contra o Lume de Toén, a titular de Medio Rural puxo tamén en valor o traballo da Xunta nesta materia. Así, definiu estas instalacións como un complexo emblemático e “referente” tanto no eido da innovación como da formación.
Nestas xornadas de Toén, que teñen como finalidade difundir o concepto e as posibilidades do Territorio Rural Intelixente, están presentes alcaldes e técnicos dos concellos da provincia ourensá. O programa inclúe relatorios sobre a conectividade por satélite, a nova realidade da telemedicina ou a enerxía renovable de autoxeración, entre outros.