O Centro Tecnolóxico da Carne de San Cibrao das Viñas impulsará cinco proxectos innovadores no sector agroalimentario

Irán desde a produción de trigo ecolóxico ata o desenvolvemento dunha liña de patés a partir de vexetais ecolóxicos, pasando pola revalorización do soro lácteo, de variedades autóctonas de chícharo ou de cortes secundarios de vacún maior
encontro-ctt-san-cibrao
29 May 2026

O Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en San Cibrao das Viñas, acolleu este mércores a xornada “Horizonte Agro 2026, innovación no territorio”, na que se presentaron os resultados provisionais de cinco grupos operativos centrados no desenvolvemento de novos produtos a partir de materias primas galegas. A iniciativa mobiliza preto de 745.000 euros en financiamento público destinado á innovación no sector primario.

O encontro contou coa participación do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, que foi o encargado de pechar a xornada, na que se puxo en valor o papel da investigación aplicada e a transferencia de coñecemento como ferramentas para mellorar a competitividade do sector agroalimentario.

Os proxectos presentados, nos que o CTC actúa como axente de innovación e apoio técnico, forman parte das axudas da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola (EIP-Agri), incluídas no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Estas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural nun 80 %, pola Xunta de Galicia nun 14 % e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6 %.

Durante a xornada déronse a coñecer cinco proxectos que abranguen distintas liñas de innovación alimentaria. O grupo operativo Gotrisa Europa traballa na produción de trigo sarraceno ecolóxico e no desenvolvemento de produtos sen glute, cun orzamento lixeiramente superior aos 160.000 euros.

Pola súa parte, Sueroval centra o seu labor na revalorización do soro lácteo para a obtención dun ingrediente natural de alto valor engadido e o desenvolvemento dunha nova gama alimentaria, cunha achega de máis de 179.000 euros.

O proxecto Bueyloñesa, cun financiamento de 175.800 euros, está orientado á valorización de cortes secundarios de canais de vacún maior, mentres que Guiprogal, cunha dotación próxima aos 140.000 euros, aposta pola recuperación de variedades autóctonas de chícharo proteaxinoso como vía para avanzar na sustentabilidade alimentaria.

Finalmente, Ecoproveg, cunha achega de algo máis de 90.000 euros, traballa no desenvolvemento dunha liña de patés e láminas elaboradas a partir de vexetais ecolóxicos.

A xornada serviu tamén para destacar o papel da I+D+i aplicada como motor de innovación no sector primario, favorecendo a creación de novos produtos, a diferenciación dos alimentos galegos e a posta en valor dos recursos do territorio.

Segundo se puxo de manifesto no encontro, a innovación e a transferencia de coñecemento constitúen eixos fundamentais para mellorar a rendibilidade e a competitividade do sector agroalimentario galego, liña na que se enmarca o traballo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

0.13025999069214