O CHUO presenta o protocolo do Sergas contra o acoso e a discriminación LGTBI

O Hospital Universitario de Ourense acolleu unha sesión informativa dirixida aos profesionais para dar a coñecer o novo Protocolo de actuación fronte ao acoso sexual, ao acoso por razón de sexo, orientación sexual, identidade sexual, expresión de xénero e características sexuais, así como á discriminación das persoas LGTBI, aprobado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).
A xornada contou coa participación de María Dolores Lago Taboada, xefa do Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais; María del Mar Casal Mayo, da Sección de Igualdade do mesmo servizo; e Sonia Martínez Rodil, psicóloga da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental. Tamén participou María José Martínez Gil, técnica de Prevención de Riscos Laborais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e enlace local da comisión.
O obxectivo da sesión foi difundir este documento, que establece unha política de tolerancia cero fronte a calquera conduta de acoso ou discriminación, co fin de reforzar unha contorna laboral segura, respectuosa e libre de violencia para o persoal do Sergas, así como para persoas en formación, alumnado en prácticas, voluntariado e persoal de empresas externas que desenvolvan a súa actividade nos centros sanitarios.
Segundo se explicou, o acoso e a discriminación constitúen formas de violencia que vulneran dereitos fundamentais e afectan tanto á integridade física e psíquica das persoas como ao clima laboral das organizacións. Ademais, recóllese que o acoso sexual e a discriminación machista e LGTBI forman parte das expresións da desigualdade estrutural existente na sociedade.
Durante a sesión destacouse a existencia de canles de comunicación e denuncia accesibles, que poden ser activadas pola persoa afectada, por testemuñas, representantes sindicais ou responsables de prevención, e mesmo de oficio por parte das direccións cando existan indicios suficientes.
As comunicacións poden realizarse a través dos formularios recollidos no propio protocolo ou mediante a canle corporativa do Sergas, garantindo en todo momento a confidencialidade. Este procedemento é compatible coa posibilidade de acudir á Inspección de Traballo ou á vía xudicial en calquera momento.
A técnica de Prevención de Riscos Laborais da área sanitaria, María José Martínez Gil, exercerá como enlace local e ofrecerá información, orientación e acompañamento ás persoas que o soliciten durante o proceso.
O protocolo inclúe garantías de confidencialidade, celeridade, imparcialidade e protección fronte a represalias, así como medidas cautelares para evitar o contacto entre a vítima e a persoa denunciada cando sexa necesario.
Na intranet do Sergas está dispoñible unha versión máis esquemática do protocolo, na que se recollen distintos exemplos de condutas consideradas acoso ou discriminación. Entre elas inclúense bromas ou comentarios sobre a aparencia sexual, preguntas sobre a vida privada, condutas hostís relacionadas coa conciliación, descualificacións públicas por razón de xénero ou identidade sexual, ou actitudes de illamento ou desprezo por non axustarse a roles sociais asignados.
Tamén se mencionan comentarios despectivos sobre homes, mulleres ou valores asociados a un xénero, así como expresións sexistas baseadas en prexuízos.