O Circuíto de Carreiras Populares “Correndo por Ourense” arranca este domingo no barrio do Vinteún

OurenseXa
O calendario complétase coa carreira do Couto (30 de maio), a do Centro (6 de xuño), o Trail Oira-San Tomé (28 de xuño), Mariñamansa (6 de setembro), A Ponte (27 de setembro) e A Carballeira (18 de outubro)
presentacion-correndo-por-ourense
20 Apr 2026

O barrio do Vinteún dará este domingo o pistoletazo de saída á décimo cuarta edición do Circuíto de Carreiras Populares “Correndo por Ourense”, unha iniciativa promovida polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense que volverá levar o atletismo popular a distintos puntos da cidade.

A presentación do circuíto tivo lugar esta mañá no salón de plenos, nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o presidente do CMD, Aníbal Pereira, así como representantes das empresas patrocinadoras e das entidades colaboradoras.

O programa deste ano inclúe sete probas que se desenvolverán ao longo de varios meses e que percorrerán diferentes barrios da cidade, con categorías adaptadas a todas as idades. A primeira cita será a carreira do Vinteún, prevista para este domingo 26 de abril ás 11.00 horas.

As inscricións xa están abertas a través da web correndoporourense.com e poderán formalizarse ata o mércores previo a cada carreira, reabríndose o prazo o luns seguinte. No caso de quen desexe participar no conxunto do circuíto, a data límite é o 3 de xuño de 2026, coincidindo co peche da carreira do Centro.

En canto aos prezos, a participación completa nas sete probas ten un custo de 15 euros para persoas adultas, mentres que a inscrición en carreiras individuais é de 5 euros. Pola súa banda, as categorías Sub10, Sub12, Sub14, Sub16 e Sub18 poderán competir de balde.

O calendario complétase coa carreira do Couto (30 de maio), a do Centro (6 de xuño), o Trail Oira-San Tomé (28 de xuño), Mariñamansa (6 de setembro), A Ponte (27 de setembro) e A Carballeira (18 de outubro).

O circuíto conta co apoio de diversas empresas e colectivos, e consolídase como unha proposta deportiva que busca fomentar a actividade física e a participación cidadá.

0.20913887023926