O circuíto provincial “DepOUrense Basket 3x3” pasará este sábado polo Carballiño

O Carballiño converterase este sábado, 22 de agosto, nun dos escenarios do circuíto “DepOUrense Basket 3x3”, unha iniciativa da Federación Galega de Baloncesto en colaboración coa Deputación de Ourense que reunirá na contorna da Veracruz 24 equipos de diferentes categorías.
A xornada foi presentada esta mañá no propio lugar onde se desenvolverá a competición, nun acto no que participaron o alcalde en funcións do Carballiño, Pepe Castro, e o asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense, Enrique Álvarez.
O Concello decidiu trasladar a actividade a un dos espazos máis representativos da vila co obxectivo de combinar a práctica deportiva coa promoción turística do municipio. Pepe Castro definiu a Veracruz como un “sitio incomparable” para acoller unha competición destas características e animou tanto á veciñanza como ás persoas que visiten O Carballiño durante a fin de semana a achegarse para desfrutar da xornada.
O alcalde en funcións destacou tamén a resposta da convocatoria, con 24 equipos inscritos, e a intención do Concello de continuar promovendo actividades que fomenten hábitos de vida activos e contribúan á dinamización da vila. “Queremos que O Carballiño medre no deporte e que a xente o pase ben participando en actividades deportivas”, sinalou.
A elección da Veracruz responde tamén á vontade de dar maior visibilidade á competición e aproveitar o atractivo do enclave para proxectar a imaxe do municipio. Segundo explicou Castro, aínda que inicialmente se barallaba a posibilidade de realizar a actividade noutra instalación deportiva, finalmente optouse por este emprazamento para sumar o valor da contorna ao propio torneo e vincular deporte, actividade na rúa e promoción turística.
Pola súa banda, Enrique Álvarez agradeceu a colaboración da Federación Galega de Baloncesto e dos concellos participantes neste circuíto, que celebra este ano a súa primeira edición. O asesor de Política Deportiva da Deputación salientou especialmente a participación acadada no Carballiño e destacou que a localización contribuirá a aumentar a repercusión da actividade.
Álvarez cualificou a Veracruz como “un símbolo non só para O Carballiño, senón tamén a nivel provincial” e explicou que un dos obxectivos do circuíto é levar o baloncesto 3x3 a espazos céntricos e recoñecibles, sacando as competicións das instalacións deportivas convencionais e achegándoas á cidadanía.
O baloncesto 3x3, xa integrado no programa olímpico, caracterízase por partidos curtos e dinámicos e por equipos compostos por catro xogadores. Tanto o Concello como a Deputación destacaron o seu carácter accesible, xa que permite formar equipos cun número reducido de participantes e facilita a incorporación de novos xogadores á práctica deportiva.
O Carballiño conta ademais con experiencia neste formato, despois da boa acollida do torneo 3x3 incluído na programación do Verán Deportivo. Segundo Pepe Castro, aquela actividade “funcionou moi ben”, polo que a incorporación ao circuíto provincial supón un novo paso para consolidar este tipo de propostas no municipio.
O circuíto “DepOUrense Basket 3x3”, integrado no Programa de Fomento Deportivo 2026 da Deputación de Ourense, percorre durante este verán diferentes concellos da provincia. Tras a súa estrea en Muíños o pasado 16 de agosto e a parada en Ribadavia prevista para este venres, 21 de agosto, chegará ao Carballiño o sábado 22. Posteriormente continuará en Xinzo de Limia, o 29 de agosto; Allariz, o 30 de agosto; e O Barco de Valdeorras, o 5 de setembro.
A competición está aberta tanto a xogadores federados como non federados e inclúe as categorías de preminibasket e minibasket, infantil e cadete, e júnior e sénior, con equipos masculinos, femininos e mixtos.
Os dous equipos finalistas de cada categoría en cada sede conseguirán a clasificación para a gran final, que terá lugar o 19 de setembro no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense e que servirá para pechar esta primeira edición do circuíto provincial.
A xornada deste sábado no Carballiño completarase con actividades de animación e outras propostas complementarias, convertendo a contorna da Veracruz nun punto de encontro arredor do deporte e reforzando a aposta municipal por combinar actividade física, convivencia, dinamización e promoción da vila.