O Club Deportivo Ourela acada un pleno de podios en Gondomar na categoría Amateur

O Club Deportivo Ourela acada un pleno de podios en Gondomar na categoría Amateur
Os catro representantes ourensáns lograron dous ouros, unha prata e un bronce
O club ourensá xa pensa na seguinte cita, que terá lugar o vindeiro domingo en Coruxo, onde as patinadoras da categoría base buscarán acadar o apto nas probas de nivel
O pasado sábado 23 celebrouse en Gondomar a Primeira Fase da competición da categoría Amateur da modalidade de libre, un campionato oficial da Federación Galega de Patinaxe (FGP) con carácter provincial.
O Club Deportivo Ourela estivo representado por catro patinadores no Pavillón Municipal de Donas, nunha xornada na que o equipo conseguiu subir ao podio en todas as súas participacións, logrando así un excelente inicio de tempada.
Na categoría Junior feminina, Sandra Gómez acadou a primeira posición, seguida pola súa compañeira Aldara Vázquez, que rematou segunda. En categoría masculina, Izan Rodríguez proclamouse vencedor na súa volta á competición tras un ano de ausencia por mor dunha grave lesión. Pola súa banda, Luna Pérez completou a participación do club cun terceiro posto na categoría Cadete feminina, no que foi o seu debut nesta categoría.
Estes resultados confirman o bo nivel do Club Deportivo Ourela nas competicións provinciais, nunha xornada marcada polo éxito dos seus deportistas.
O club xa pensa na seguinte cita, que terá lugar o vindeiro domingo en Coruxo (Vigo), onde as patinadoras da categoría base buscarán acadar o apto nas probas de nivel. Pola súa parte, os deportistas da categoría Amateur volverán competir na segunda fase do campionato en novembro, coa intención de manter ou mellorar os resultados acadados nesta primeira xornada.
Ata entón, o equipo continuará coa súa preparación e coa participación en diferentes eventos e trofeos, como a Copa Deputación.