O Club Deportivo Ourela destaca na Primeira Fase Rexional de patinaxe artística celebrada na Carballeira

OurenseXa
O evento reuniu a máis de 60 deportistas esta fin de semana no Polideportivo da Carballeira
podio-ourela-carballeira
18 May 2026

O pasado sábado 16 de maio, o Club Deportivo Ourela organizou a Primeira Fase de Categoría Rexional da modalidade de Libre para as provincias de Pontevedra e Ourense, unha competición oficial convocada pola Federación Galega de Patinaxe.

O evento reuniu a máis de 60 deportistas no Polideportivo da Carballeira “Secundino Basalo”, onde se puido ver o nivel da patinaxe artística galega nun campionato correspondente ao segundo escalón máis importante a nivel autonómico. Ao longo da xornada, o público encheu a grada e seguiu unhas probas nas que varias categorías se decidiron por diferenzas mínimas, mesmo de décimas.

Nesta primeira fase, de carácter provincial, o Club Ourela contou con representación en Ourense a través de catro patinadoras, que acadaron resultados destacados. En categoría infantil, Irene Álvarez e Henar Bernárdez lograron a primeira e segunda posición, respectivamente, mentres que en cadete, Ainara Barrio e Sofía Gómez repetiron o mesmo resultado, ocupando tamén o primeiro e segundo posto.

Na competición correspondente á provincia de Pontevedra, salientaron os resultados dos clubs CPA Tea, CPA Luar e CPA Bolboreta Redondela, que acadaron o triunfo en dúas categorías. Ademais, destacou a actuación da campioa junior Zaira Álvarez (Club El Olivo), que conseguiu a mellor puntuación da xornada con 26,16 puntos.

A segunda fase da competición celebrarase en Tui no mes de outubro, onde as patinadoras do Ourela competirán con deportistas de toda Galicia. Será a primeira participación autonómica para todas elas agás Irene Álvarez, que xa debutara na categoría o ano pasado.

Antes desa cita, o club afronta un calendario intenso neste mes de maio. O sábado 23, os catro patinadores da categoría amateur competirán por primeira vez no ano en Gondomar, mentres que o domingo 31 será a quenda das patinadoras de niveis, categoría base, que participarán en Coruxo co obxectivo de seguir progresando na disciplina.

0.12164187431335