O Club Deportivo Ourela pecha a tempada de danza con excelentes resultados na categoría rexional

OurenseXa
Aldara Vázquez proclamouse campioa júnior e Vega Mangana foi subcampioa na Fase de Categoría Rexional de Solo Dance
podio-cd-ourela
14 Jul 2026

O Club Deportivo Ourela puxo o broche á súa primeira tempada na modalidade de Solo Dance cun destacado balance de resultados na Fase de Categoría Rexional, disputada o pasado sábado 11 de xullo no Polideportivo de Candeán, en Vigo.

Cinco patinadoras do club ourensán participaron nesta competición, reservada ás deportistas que non lograran a clasificación para a categoría nacional. Nesta modalidade, a Style Dance substitúe ao programa curto da modalidade Libre e presenta unha temática marcada cada tempada pola Federación Internacional World Skate.

Na categoría Cadete, cuxa temática estivo inspirada na música clásica dos séculos XVIII e XIX, Sofía Gómez acadou unha meritoria sexta posición, destacando por conseguir a segunda mellor puntuación da categoría no apartado de contido técnico. Pola súa banda, Sofía Prieto rematou décima e Luna Pérez, décimo terceira.

Os mellores resultados chegaron na categoría Júnior, onde as participantes interpretaron coreografías baseadas en musicais. Aldara Vázquez asinou unha brillante actuación que lle permitiu proclamarse campioa da categoría con 24,45 puntos, mantendo o liderado durante toda a competición. A súa compañeira Vega Mangana completou o éxito do club ao conseguir a segunda posición, certificando un dobrete para o Ourela.

Esta cita supuxo o peche das competicións oficiais de danza en 2026, unha modalidade na que o club participou por primeira vez. O equipo estivo integrado por Aldara Vázquez, Vega Mangana, Sofía Gómez, Sofía Prieto, Luna Pérez e Sandra Gómez, esta última clasificada previamente para a categoría nacional.

Desde o club destacan a progresión experimentada polas patinadoras ao longo da tempada, reflectida na mellora constante das súas puntuacións, e confían en ampliar o equipo de Solo Dance durante o próximo ano.

Tras unha primeira metade de tempada marcada por resultados históricos, o Club Deportivo Ourela afrontará agora un breve descanso antes de iniciar a preparación dos próximos retos, co obxectivo posto na Copa Deputación, prevista para finais do mes de setembro.

0.1236720085144