O Club Natación Sincronizada Ourense ten prazas abertas para novos grupos

O Club Natación Sincronizada Ourense, a única entidade da provincia dedicada a esta disciplina, anunciou que aínda dispón de prazas libres para quen queira incorporarse aos seus grupos de adestramento esta tempada.
O club organiza a súa actividade en dúas categorías diferenciadas por idade. Por unha banda, o grupo prebenxamín está formado por nenos e nenas nados entre 2019 e 2021, que adestrarán os luns e mércores, en horario de 18.00 a 19.30 horas.
Por outra banda, o grupo prealevín, composto por menores nados entre 2017 e 2018, terá sesións os luns, martes e xoves, de 18.00 a 20.00 horas. Para integrarse neste grupo é necesario saber nadar previamente.
Dende a entidade destacan que a natación artística non só permite gozar do medio acuático, senón que tamén contribúe a mellorar a coordinación, a flexibilidade e a forza de quen a practica. Ademais, subliñan o compoñente social da actividade, xa que fomenta o compañeirismo, o traballo en equipo e a creación de novas amizades entre os participantes.
O club lembra que, máis alá do aspecto deportivo, esta disciplina tamén supón unha vía de crecemento persoal para os máis novos.
As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar unha inscrición poden poñerse en contacto co club a través do correo electrónico sincronizadaourense@hotmail.com ou do número de WhatsApp 696 415 228.