O Club Ourela de Ourense reúne a máis de 250 patinadores na Fase de Niveis disputada nos Remedios

O Pavillón dos Remedios de Ourense volveu ser escenario de patinaxe artística tras acoller, os días 3 e 4 de outubro, a III Fase de Niveis da modalidade Libre, correspondente ás provincias de Ourense e Pontevedra. A proba chegou apenas uns días despois da disputa da Copa Deputación, o pasado 27 de setembro, confirmando a boa racha de actividade competitiva que vive a cidade nesta disciplina.
A organización correu a cargo do Club Deportivo Ourela, e o evento enmarcouse dentro do calendario oficial de competicións da Federación Galega de Patinaxe, dirixido ás categorías de base deste deporte.
A cita congregou a máis de 250 deportistas procedentes de 17 clubs, dos cales arredor de 60 pertencían a entidades da provincia de Ourense. Ante semellante volume de participantes, a organización viuse obrigada a distribuír as probas en quendas de mañá e de tarde durante ambas as xornadas, cun pavillón que mantivo as súas bancadas practicamente cheas en todo momento.
No que respecta ao desempeño dos clubs ourensáns, o anfitrión, Club Ourela, viu como dez das súas patinadoras conseguiron superar o seu nivel correspondente. Pola súa banda, o Roller Ourense sumou trece deportistas aptos, mentres que o Aehde O Carballiño pechou a cita con dezanove patinadores aprobados.