O Club Ourela pecha o curso cun festival de verán con máis de 80 patinadores no polideportivo de Paderne de Allariz

OurenseXa
A exhibición reuniu 16 actuacións con temática cinematográfica e contou coa participación de clubs invitados de Porriño e Covelo
fin-tempada-club-ourela
17 Jun 2026

O Club Deportivo Ourela de patinaxe artística celebrou o pasado domingo 14 de xuño o seu tradicional Festival de Verán, co que puxo fin a un curso de adestramentos. O evento desenvolveuse no polideportivo municipal de Paderne de Allariz e reuniu máis de 80 deportistas sobre a pista.

A exhibición contou coa participación dos diferentes grupos do club, tanto de iniciación como de competición, así como coa presenza de clubs convidados como o Club Patín Porriño e o Club Covelo PA, que tamén achegaron as súas coreografías ao programa do festival.

En total presentáronse 16 actuacións, todas elas centradas nunha temática común: o cine. Ao longo da mañá, o público puido ver referencias a películas infantís como Charlie e a fábrica de chocolate, A bela e a besta ou Os Minions, así como a títulos clásicos como Titanic, O bo, o feo e o malo e Top Gun.

O evento congregou numerosos espectadores, que encheron as bancadas do pavillón e asistiron a coreografías grupais creadas especificamente para a ocasión. Tamén se mostraron programas competitivos realizados durante a tempada tanto a nivel individual como colectivo.

O peche da xornada correu a cargo do Cuarteto Junior do Club Ourela, que presentou a coreografía Guardianas de la luz. Este grupo conta cun podio galego e un 14º posto no Campionato de España, e foi o encargado de clausurar o festival nunha actuación que serviu como mostra do progreso do club ao longo da tempada.

O festival supón o final de curso para os grupos de iniciación, que retomarán os adestramentos en setembro coincidindo co inicio do curso escolar. Pola súa parte, os grupos de competición continuarán coa súa actividade durante o verán, xa que teñen competicións pendentes neste mes de xuño.

No mes de xullo, as patinadoras e patinadores iniciarán a preparación de cara ás competicións de outono nas modalidades individuais e tamén para a próxima tempada 2027 no caso dos grupos de show. Está previsto que a finais do próximo mes o club realice unha pausa nos adestramentos durante un mes para o descanso e recuperación do equipo.

0.12352895736694