O Concello da Merca súmase ao programa da Xunta para construír vivenda protexida na Manchica

OurenseXa
O acordo permitirá mobilizar oito parcelas municipais na rúa Val do Seixo para edificar vivendas unifamiliares, con apoio técnico do IGVS e opción de venda ou alugueiro
xunta-vivenda-a-merca
21 May 2026

O Concello da A Merca vén de incorporarse ao programa impulsado pola Xunta de Galicia para a mobilización de solo de titularidade municipal destinado á promoción de vivenda protexida na parroquia da Manchica.

O convenio foi asinado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde da Merca, José Manuel Garrido, nun acto no que tamén participaron o secretario xeral técnico da consellería, Yago Borrajo, e a directora territorial de Vivenda en Ourense, Pilar Fernández León.

A través deste acordo, a Xunta ofrece ao Concello unha ferramenta de apoio técnico para a licitación de oito parcelas municipais situadas na rúa Val do Seixo. Trátase de sete solares de 153 metros cadrados e un de 260, que se destinarán á construción de oito vivendas unifamiliares protexidas.

O procedemento prevé a súa saída a concurso público en réxime de libre concorrencia, co obxectivo de facilitar tanto a venda como o alugueiro de vivenda protexida e mellorar a mobilización de solo dispoñible.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) encargarase das tarefas técnicas e administrativas do proceso, incluíndo a publicación dos solos, a redacción dos pregos, a tramitación da licitación, a mesa de contratación e a valoración das ofertas. O Concello limitarase a achegar a información das parcelas e formalizar a adxudicación.

Este convenio insírese na estratexia autonómica de colaboración con concellos galegos para impulsar vivenda protexida, unha liña na que xa participan municipios como As Pontes, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro, Ordes, A Peroxa, O Pino, Verín e Santa Comba.

A Xunta sinala que este programa está a espertar interese noutras administracións locais e que o prazo de adhesión permanece aberto de maneira indefinida.

0.12065887451172