O Concello da Peroxa abrirá este mércores as piscinas municipais

O Concello da Peroxa abrirá este mércores, 1 de xullo, as piscinas municipais, que permanecerán operativas ata o final do verán en horario ininterrompido de 12:00 a 21:00 horas e con entrada gratuíta.
A apertura chega apenas unha semana despois das críticas do grupo municipal do PSdeG-PSOE, que denunciou o atraso na posta en funcionamento das instalacións e reclamou adiantar o servizo, polo menos, ao inicio das vacacións escolares, ante as altas temperaturas rexistradas xa desde a segunda quincena de xuño.
Os socialistas sinalan que o alcalde comprometeuse no último pleno, celebrado o 17 de xuño, a adiantar este ano a apertura unha semana respecto a exercicios anteriores, fixando inicialmente a data no 27 de xuño, compromiso sobre o que agora expresan as súas dúbidas de cumprimento.
Segundo o PSdeG-PSOE, as instalacións atopábanse aínda sen limpar nin preparar a día de onte, o que incrementa a súa preocupación pola correcta posta a punto do servizo.
O grupo municipal tamén cuestiona o proceso de selección dos socorristas previsto para este xoves 25 de xuño e pregúntase que sucedería no caso de que algunhas das persoas preseleccionadas non se presenten, algo que aseguran que xa ocorreu noutros anos.
Desde a formación socialista insisten en que as condicións climáticas fan necesario anticipar a apertura das piscinas municipais e manter o servizo operativo mentres perduren as altas temperaturas.