O Concello de Allariz denuncia os continuos cortes de luz en distintos núcleos do municipio

OurenseXa
As incidencias afectan a núcleos como Folgoso, O Mato, Roiriz, Outeiro Orraca, San Breixo, Vilar de Flores, Coira, Xugueiros, Seixo, a zona do Camping, Gundiás, Silvela, Turzás, Rubiás, A Cal, A Barraca e Queiroás
cortes-luz-allariz
8 May 2026

O Concello de Allariz expresou publicamente a súa preocupación polos problemas no subministro eléctrico que están a afectar a diferentes zonas do municipio durante as últimas semanas. A situación, segundo sinala o goberno local, tamén foi trasladada por asociacións veciñais e residentes afectados polos continuos cortes e microcortes de luz.

As incidencias afectan a núcleos como Folgoso, O Mato, Roiriz, Outeiro Orraca, San Breixo, Vilar de Flores, Coira, Xugueiros, Seixo, a zona do Camping, Gundiás, Silvela, Turzás, Rubiás, A Cal, A Barraca e Queiroás, entre outros lugares conectados ás mesmas liñas de distribución eléctrica.

Dende o Concello advirten de que estes fallos están a provocar “importantes molestias na vida diaria da poboación”, ademais de problemas no funcionamento de electrodomésticos e sistemas electrónicos domésticos.

O executivo local considera necesario adoptar medidas que garantan un servizo eléctrico “estable e de calidade”, especialmente no rural, onde este tipo de incidencias teñen unha repercusión directa no día a día da veciñanza.

Segundo trasladou a distribuidora Unión Fenosa ao Concello, parte das avarías poderían estar relacionadas coa presenza de niños de cegoña nas infraestruturas eléctricas. Ante esta situación, o goberno municipal reclama que se actúe “coa maior rapidez posible” para atopar solucións compatibles tanto coa protección da fauna como coa garantía dun subministro seguro e estable.

O Concello anunciou ademais que continuará trasladando esta problemática aos organismos e entidades competentes para reclamar actuacións que permitan resolver as incidencias e dar resposta ás persoas afectadas. “Allariz merece un servizo eléctrico fiable e acorde ás necesidades da súa veciñanza”, conclúe o comunicado municipal.

0.12353992462158