O Concello de Allariz pon en marcha unha iniciativa para fomentar o consumo responsable de auga

OurenseXa
A través da campaña 'Está na túa man, pecha a billa cando toca', o Concello de Allariz pretende concienciar á veciñanza da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos naturais
Bernardo Varela presenta a campaña 'Está na túa man'
2 Ago 2024

O Concello de Allariz e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, fomentan o consumo responsable de auga coa campaña 'Está na túa man, pecha a billa cando toca'. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos naturais.

Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes sociais e páxinas web de ambas entidades.

A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan na época estival teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período de vacacións é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable.

Durante o 2022, no concello de Allariz o consumo medio trimestral foi de 85.327 metros cúbicos. Esta cifra superouse durante os seis meses centrais do ano (desde maio ata outubro) con 90.283 m3 consumidos no segundo trimestre e 114.025 no terceiro, que corresponde aos meses de xullo, agosto e setembro.

No 2023, ano no que xa se realizou esta campaña, o consumo medio trimestral baixou a 80.613 metros cúbicos. Os meses centrais do ano volveron a rexistrar consumos máis altos que a media, 93.683 m3 no segundo trimestre e 91.741 m3 no terceiro.

Co obxectivo de facer un consumo responsable da auga, esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga, como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.

Tamén hai que ter precaución con actividades típicas desta época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.

0.11407589912415