O Concello de Allariz renova o convenio para a xestión das Escolas Deportivas Municpais
O Concello de Allariz renova o convenio para a xestión das Escolas Deportivas Municipais de baloncesto e fútbol, co fin de garantir a continuidade deste proxecto ata as categorías xuvenís. No acto de renovación do convenio estiveron presentes Lorena Barros en representación do Club Baloncesto Allariz e Francisco Alejandro Piñeiro polo Club Deportivo Allariz.
Desde o Concello explican que este acordo reafirma o compromiso do Goberno Municipal co fomento do deporte base, “favorecendo o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade do noso municipio”
A Escola Deportiva Municipal de baloncesto, sinalan, conta actualmente con 170 nenas e nenos inscritas e inscritos, desde as categorías de babybasket ata junior, mentres que a de fútbol suma un total de 140 mozas e mozos participantes, abarcando desde as primeiras categorías ata xuvenís. Para o Concello, “estes datos reflicten o impacto positivo destas escolas na formación deportiva e social da mocidade alaricana”.
“O deporte é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento persoal e social de nenas, nenos, mozas e mozos. Este acordo permite seguir ofrecendo espazos de aprendizaxe onde se fomentan valores como o compañeirismo, a disciplina e o traballo en equipo”, destaca a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid.
Pola súa banda, o concelleiro de deportes, Carlos Puga, insistiu en que desde o Concello seguirán apostando “por manter e mellorar as instalacións para que as escolas deportivas continúen a ser un exemplo de calidade e apoio ao deporte base en Allariz”.
Ademais, dende o Goberno Municipal poñen en valor este compromiso por manter e mellorar as instalación deportivas municipais a través de diversos investimentos en equipamento e melloras nas infraestruturas para garantir unhas condicións óptimas para a práctica deportiva levados a cabo nos últimos anos.