O Concello de Baños de Molgas inicia os trámites para a declaración oficial dunha nova zona de baño

OurenseXa
A medida responde a un informe desfavorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na zona das piscinas, mentres o Concello achega análises que indican boa calidade da auga
balneario-baños-de-molgas
1 Jul 2026

O Concello de Baños de Molgas vén de instalar carteis informativos de prohibición de baño na zona habitual situada na contorna das piscinas e das canchas municipais, unha actuación que se executa en cumprimento da normativa vixente.

Segundo se explica desde o goberno local, a medida está motivada por un informe emitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil no que, a pesar de non terse realizado toma de mostras da auga —segundo consta no propio documento—, se establece unha avaliación desfavorable, á que o Concello asegura estar obrigado a dar cumprimento mediante a correspondente sinalización.

Co obxectivo de coñecer con maior precisión o estado real da auga, o Concello realizou análises microbiolóxicas na zona de baño. Os resultados obtidos indican unha “excelente calidade da auga”, dentro dos parámetros establecidos para augas de baño.

As medicións recollidas, siinalan desde o consistorio, son as seguintes: Escherichia coli con 42 ufc/100 ml e enterococos intestinais con 4 ufc/100 ml. Desde o goberno municipal sublíñase que se mantén un compromiso coa transparencia, a seguridade e o cumprimento estrito da normativa aplicable.

Neste contexto, o Concello informa de que xa se iniciaron os trámites para a declaración oficial dunha nova zona de baño, co obxectivo de regularizar a situación administrativa e garantir un espazo plenamente autorizado e con todas as garantías sanitarias e legais.

O consistorio sinala que continuará traballando para que Baños de Molgas dispoña dunha zona de baño de referencia, compatible coa normativa e coa posta en valor dos espazos públicos do municipio.

0.13940787315369