O Concello de Cortegada establece cortes nocturnos de auga ante a baixada de caudal nos seus mananciais

OurenseXa
O subministro interromperase todas as noites no núcleo urbano mentres se manteña a situación de escaseza, co obxectivo de asegurar o abastecemento durante o día
auga-billa-grifo
Imaxe de arquivo ilustrativa
7 Oct 2026

O Concello de Cortegada comunicou á veciñanza a posta en marcha dun corte nocturno no subministro de auga, unha medida motivada pola caída do caudal rexistrado nos mananciais que abastecen ao municipio.

Segundo trasladou o consistorio, a interrupción do servizo producirase todos os días no horario comprendido entre as 00.00 horas e as 07.00 horas, e afectará ao núcleo de Cortegada.

Dende o goberno local explican que esta restrición manterase con carácter diario mentres continúe a situación de escaseza de auga, unha medida coa que se busca preservar o recurso e garantir a súa dispoñibilidade durante as horas diúrnas.

O Concello pediu ademais á poboación que faga un uso responsable e moderado da auga mentres dure esta circunstancia, e agradeceu a comprensión dos veciños ante os inconvenientes que poida ocasionar o corte.

0.1464958190918