O Concello de Esgos organiza unha recollida de enseres este próximo luns

O Concello de Esgos informa da próxima campaña de recollida de enseres, que terá lugar o luns 18 de maio de 2026, co obxectivo de evitar o depósito indiscriminado de residuos e garantir unha correcta xestión do material.
Segundo se indica, só se recollerán determinados obxectos, entre os que se inclúen mobles, colchóns, somieres, lavadoras, neveiras, cociñas (incluídas as de ferro), táboas, cerramentos de eidos, xaulas, televisores, microondas e ordenadores.
Pola contra, non se recollerán materiais de construción e obra, plásticos industriais, inodoros, lavabos, portas, ventás, persianas, cristais, aceites, pinturas, pneumáticos, desguaces de coches, utensilios de labranza, rodas, roupa, lixo orgánico, plásticos pequenos nin caixas de zapatos. A roupa, estea en bo estado ou non, deberá depositarse nos contedores específicos habilitados para este fin.
O Concello lembra que os enseres deberán ser depositados a véspera do día da recollida nun único punto por cada núcleo de poboación, que dispoña de acceso axeitado para un camión de dous eixes de 22 m³. Ademais, será necesario avisar previamente ao Concello para comunicarlle a localización á empresa encargada do servizo.