O Concello de Ourense abre a matrícula dos seus obradoiros municipais de idiomas para o derradeiro trimestre do ano

Ourense pon en marcha unha nova edición dos seus obradoiros municipais de idiomas correspondentes ao cuarto trimestre de 2026. A actividade formativa desenvolverase entre o 5 de outubro e o 2 de decembro, cun total de 24 horas lectivas repartidas en clases os luns e mércores.
A oferta inclúe catro itinerarios distintos. Por unha banda, un curso de galego orientado á preparación do Celga 3, que se impartirá de 11.00 horas a 12.30 horas. Pola outra, tres niveis de iniciación en linguas estranxeiras: francés (nivel A1, iniciación II) de 17.30 horas a 19.00 horas; italiano (nivel A1, iniciación I) de 19.00 horas a 20.30 horas; e inglés (nivel A1, iniciación I) de 19.30 horas a 21.00 horas.
Todas as clases terán lugar nas aulas da Escola Municipal de Artes Escénicas, situadas na rúa da Canle número 4.
A matrícula, dirixida a persoas maiores de 16 anos, ten un custo de 33 euros e debe formalizarse a través do correo electrónico emi@ourense.es. Para calquera consulta adicional, a Concellería de Educación atende en horario de 09.00 horas a 14.00 horas nas súas oficinas da rúa Canle número 6.