O Concello de Ourense aproba o pago da débeda co servizo de transporte urbano
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense vén de aprobar o proxecto de modificación orzamentaria 25P/2024, por importe de 16.661.861,77 euros. A súa finalidade é pagar o diferencial do custo do servizo de autobuses urbanos durante os últimos anos.
Con este acordo o Concello pagaralle á empresa concesionaria a diferencia económica que existe entre a cantidade abonada durante estes anos e o custo real dos servizos prestados ao Concello.
O goberno municipal xustifica que "esta cantidade, en todo caso, é sensiblemente inferior á que tería pagado o Concello se tivese licitado un novo contrato de transporte urbano. De feito, a concesión pasaría de 6,5 millóns de euros a 10,5 millóns de euros anuais coa próxima concesión, que se acaba de licitar".
O proxecto de modificación orzamentaria financiariase con remanente de tesourería para gastos xerais. Unha vez aprobado pola xunta de goberno local, o acordo elevarase ao Pleno do Concello para que procedese, no seu caso, á aprobación provisional da modificación proposta.