O Concello de Ourense aproba o proxecto de orzamentos para 2026

OurenseXa
As contas, que ascenden aos 127,8 millóns de euros inclúen tanto o orzamento do propio Concello como o do Consello Municipal de Deportes
Concello-Ourense-recurso
30 Apr 2026

O goberno municipal deu luz verde ao proxecto de Orzamento Xeral do Concello para o ano 2026 nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá. As contas inclúen tanto o orzamento do propio Concello como o do Consello Municipal de Deportes, xunto coas bases de execución e os anexos de persoal.

O documento recolle un incremento das contas municipais, que pasan dos 116 millóns de euros do exercicio anterior a 127,8 millóns para o próximo ano. Segundo fontes do executivo local, este aumento permitirá actualizar os custos das diferentes áreas e afrontar a licitación de servizos municipais que actualmente se atopan nunha situación provisional.

A maior parte do orzamento destinarase a gasto corrente, aínda que tamén se contemplan investimentos. As áreas que experimentan un maior crecemento son as de infraestruturas e servizos sociais, nas que se inclúen prestacións como a xestión da auga, a limpeza ou a axuda no fogar.

O proxecto será remitido agora aos grupos municipais, que disporán de dez días naturais para presentar emendas antes de que o documento sexa sometido á comisión correspondente e, posteriormente, ao pleno para a súa aprobación inicial.

Na mesma sesión, aprobouse tamén o límite de gasto non financeiro consolidado para 2026, fixado en máis de 136,9 millóns de euros, en cumprimento da normativa estatal de estabilidade orzamentaria.

Ademais, o goberno local elaborou un plan económico financeiro de carácter bianual que se aplicaría nos anos 2027 e 2028 no caso de que non se cumprise a regra de gasto tras a liquidación do orzamento de 2025.

A Xunta de Goberno Local deu tamén o visto bo a unha relación de facturas pendentes do pasado exercicio por importe superior aos 132.000 euros, así como á actualización de compromisos de gasto vinculados ao contrato de limpeza de dependencias municipais.

0.14400100708008