O Concello de Ourense renuncia ao proxecto do marketplace ante as recomendacións dos técnicos
O grupo de goberno do Concello de Ourense renunciará ao desenvolvemento do proxecto de marketplace, "seguindo as recomendacións dos técnicos municipais", que sosteñen que esta iniciativa debe ser levada a cabo desde a esfera privada e non desde a pública.
O proxecto requiriría dunha cuantiosa achega económica por parte do Concello, por un importe inicial de medio millón de euros, ademais de requirir despois notables costes de mantemento para o seu axeitado funcionamento.
O markteplace contaba cunha subvención por parte do goberno do Estado, por importe de case 2 millóns de euros. "Porén, os prazos e demais requisitos que o goberno esixe para levar a cabo este proxecto son moi limitados, e poñerían en risco a posibilidade de executalo en prazo e forma, como de feito xa lle ocorreu a outras cidades españolas, como Vigo, que renunciou a unha subvención semellante", explican desde o Concello.
O anuncio de desenvolver un marketplace en Ourense dábase xa no ano 2020, cando o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome aseguraba que se trataría "dun proxecto revolucionario" que axudará a dinamizar o comercio local, en palabras do rexedor, e que distinguirá Ourense do resto dos concellos de España.
Segundo o alcalde, a propia magnitude do marketplace deixou aos representantes da CEO "impresionados", asegurando ademais que "non se poden poñer fronteiras co marketplace, polo que imos tirar do carro de toda a provincia".
Catro anos despois e tras as recomendacións dos técnicos, o alcalde entende que sería “unha auténtica temeridade iniciar un proxecto que desaconsellan os técnicos municipais e cuxa subvención podería estar en risco, e comprometería seriamente as arcas municipais”. Iso si, insiste en que está convencido de que podería ser unha boa iniciativa para apoiar o comercio local.
Críticas por parte do PSOE que advirte de que o Concello terá que devolver a subvención
As e os socialistas advirten de que o goberno local terá que devolver a subvención que recibiu do Ministerio de Comercio, de 2 millóns de euros, para desenvolver o proxecto de marketplace. “Fai 4 anos vendía a moto da iniciativa á Confederación de Empresarios de Ourense, logo solicitábaa e era concedida polo Goberno de España a e agora di que renuncia a ela por culpa dos traballadores e traballadoras municipais”, critica a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González.
Durante a xunta de área de Urbanismo, na que se inclúe Comercio e que tivo lugar onte, a portavoz xa requería saber en que punto se atopaba proxecto e que acontecía coa subvención sen recibir resposta por parte do concelleiro delegado, Fran Lorenzo. Esta mañá o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, confirmou que está dende fai unhas semanas en Tesoureria todo listo para proceder a súa devolución derivando calqueira tipo de responsabilidade.
“Este é un exemplo máis de oportunidade perdida para Ourense coa xestión dos Fondos Next Generation que o Executivo de Pedro Sánchez puxo a dispor das entidades locais. A ineptitude, falta de criterio e xestión do rexedor propician que, nalgún caso, non se aproveiten estas liñas de axudas en materia de vivenda, mobilidade e sostibilidade e, noutros, se perdan unha vez concedidas, nun sector chave como é o apoio ao comercio local da cidade”, lamenta a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.
Neste senso, tamén lembra que foron as e os socialistas os que propuxeron, no pleno ordinario de maio de 2017, a creación dunha plataforma de venda a través de internet por parte do Concello de Ourense. Iniciativa que foi cos votos a favor dos grupos do Partido Popular e Ourense en Común e sete votos en contra de Democracia Orensana.