O Concello de Ourense traslada á Xunta o seu plan de necesidades e infraestruturas deportivas para a cidade

OurenseXa
O concelleiro de Deportes do Concello de Ourense reuniuse co novo secretario xeral para o Deporte, Roberto García, para abordar o desenvolvemento deportivo da cidade
reunion-concello-ourense-secretaria-xeral-para-o-deporte
4 Jun 2026

O concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, mantivo este martes unha reunión co secretario xeral para o Deporte, Roberto García, co obxectivo de presentar as liñas estratéxicas do desenvolvemento deportivo da cidade e analizar posibles vías de colaboración entre administracións.

Segundo informa o Concello, un dos principais asuntos abordados foi a falta de instalacións deportivas na cidade. Nesta liña, o goberno municipal apunta a necesidade de impulsar unha gran infraestrutura nos arredores de Expourense que dea resposta a disciplinas como ximnasia, escalada, deportes de loita e deportes de raqueta. Desde o consistorio sinalan que esta instalación permitiría atender a máis de 4.000 deportistas destas modalidades e tería tamén impacto provincial, tal e como recolleu o Pleno da Deputación. O proxecto incluiría ademais un aparcamento disuasorio tanto para usuarios como para visitantes do centro urbano.

O Concello explica que o secretario xeral para o Deporte se mostrou receptivo a esta proposta e comprometeuse a avanzar no diagnóstico das necesidades expostas, co fin de dar resposta á demanda crecente destas disciplinas.

Outro dos asuntos tratados foi o futuro do Estadio do Couto. O concelleiro, segundo indica o Concello, quixo coñecer as intencións da Xunta respecto a esta instalación e as posibles actuacións de mellora que se poidan acometer.

Tamén se abordou a situación da Canle de Augas Bravas do Miño. O goberno municipal apunta que solicitou colaboración autonómica para desenvolver esta infraestrutura, coa que Ourense aspira a situarse no circuíto internacional de piragüismo, do mesmo xeito que ocorreu no seu momento coa pista de atletismo de Expourense.

No encontro tratouse ademais o proxecto do novo campo de fútbol de Seixalbo, cuxa cesión está, segundo o Concello, en fase avanzada por parte dos comuneiros. Engadiuse tamén a posibilidade de construír un segundo campo de hóckey, a petición federativa, así como a necesidade de actuar nas instalacións deportivas da Universidade de Vigo no Campus da Auga, que o Concello describe como deterioradas polo paso do tempo.

O executivo local expuxo igualmente a opción de crear un novo skatepark, vinculado a actuacións de mobilidade sostible e en liña coas previsións existentes en Expourense.

Finalmente, o concelleiro de Deportes solicitou a colaboración da Xunta para avanzar nun modelo que converta Ourense nun “gran equipamento deportivo”, integrando a actividade física dentro do sistema sanitario a través da prescrición de exercicio nos centros de saúde, co obxectivo de promover hábitos de vida saudables entre a poboación.

0.13790702819824