O Concello de Ourense valora suspender a ORA en toda a cidade a partir de xaneiro

OurenseXa
O Concello valoraría tamén estender a outras zonas da cidade a proba piloto de aparcadoiro express gratuíto próximas a colexios
Rúa Curros Enríquez, Ourense
26 Nov 2024

O aparcamento de pago na rúa podería ter os días contados no Concello de Ourense. Xa que non existe a obriga de manter en vigor un contrato por un servizo xa expirado, o goberno municipal do Concello de Ourense estuda notificarlle á empresa concesionaria que, desde o día 1 de xaneiro de 2025, deixe de executar un contrato que considera “anticuado e vencido”.

Posteriormente, unha vez que se ultime o prego de condicións para licitar un novo contrato, seguiranse os procedementos para levar a pleno a supresión definitiva da actual ordenanza de regulación de aparcamento. “É dicir, que a suspensión sexa definitiva ou provisional, dependerá da maioría plenaria”, explica o goberno municipal, que advirte que no caso de que a decisión fose non cancelar, “o novo contrato non estaría operativo até finais de 2025”. Porén, subliñan, “confiamos en que o pleno opte pola súa supresión”.

As máis de 1.000 prazas existentes hai máis de 20 anos reducíronse até as 750 actuais, debido principalmente a peonalizacións e á creación de zonas de carga e descarga.  A cifra reducirase aínda máis no futuro coas novas rúas de acceso restrinxido, como Arturo Pérez Serantes, o inicio da avenida de Bos Aires e treitos de rúas como Valle Inclán, Ramón Cabanillas ou Bedoya, entre outras, así como coas novas ampliacións de zonas carga e descarga, a instalación de bases para bicicletas eléctricas e recarga de vehículos, polo que o número de prazas ORA dispoñibles nas rúas orixinais da cidade sería inferior ás 500. Se a isto se engade que, a criterio do alcalde, “o sistema ORA nace dun concepto erróneo de rotación, de facto non executado, é o momento de suprimir unha mala idea para regular o aparcamento”.

O Concello valoraría tamén estender a outras zonas da cidade a proba piloto de aparcadoiro express gratuíto próximas a colexios realizada en San Francisco. Por outra banda, en moitas zonas de carga e descarga, as persoas residentes poderán aparcar de noite.

0.14723491668701