O Concello de Pereiro de Aguiar chama a facer un consumo responsable da auga potable para evitar restricións no abastecemento

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O Concello prohibe temporalmente usos non esenciais como o rego, o enchido de piscinas, a limpeza de vehículos e os baldeos ante o incremento do consumo provocado pola vaga de calor
Imaxe dun grifo de auga
12 Jul 2026

O Concello do Pereiro de Aguiar fai un chamamento á veciñanza para que reduza o consumo de auga potable debido ao forte incremento da demanda provocado pola actual vaga de calor, unha situación que, segundo advirte, está a poñer en risco a capacidade de garantir o abastecemento a toda a poboación.

Co obxectivo de asegurar a subministración para o consumo humano e evitar que sexa necesario aplicar restricións, o Concello estableceu unha serie de limitacións sobre os usos non esenciais da auga potable.

Entre as medidas adoptadas figura a prohibición de empregar auga da rede para o rego de xardíns e cultivos. Tamén quedan prohibidos os baldeos e a limpeza de pavimentos con auga potable.

Así mesmo, non estará permitido utilizar auga potable para encher piscinas nin para a limpeza de vehículos mentres se manteña esta situación.

Desde o Concello insístese na importancia de facer un uso responsable da auga para garantir o abastecemento da poboación durante este período de elevadas temperaturas.

0.13429403305054