O Concello de Ramirás dá luz verde definitiva a un orzamento de máis de 1,1 millóns de euros para 2026

OurenseXa
As contas contemplan partidas para persoal, investimentos e varias subvencións nominativas destinadas a entidades veciñais e culturais do municipio
casa-do-concello-de-ramiras
Imaxe de arquivo
26 Nov 2026

O orzamento xeral do Concello de Ramirás para o exercicio 2026 quedou aprobado de forma definitiva, despois de que non se presentase ningunha reclamación durante o prazo de exposición pública posterior á súa aprobación inicial, adoptada no pleno ordinario celebrado o 28 de outubro. Deste xeito, as contas municipais pasan a ser firmes e executivas para todo o ano.

O documento económico fixa tanto os ingresos coma os gastos en 1.104.969,92 euros. No apartado de ingresos, a partida máis importante corresponde ás transferencias correntes, con 707.250,55 euros, seguida dos impostos directos, que suman 249.439,37 euros. Séguenlle as taxas e outros ingresos, con 137.250 euros; os ingresos patrimoniais, con 8.000 euros; os impostos indirectos, con 3.000 euros; e as transferencias de capital, con 30 euros.

Pola banda dos gastos, o groso do orzamento destínase a bens correntes e servizos, con 432.593,83 euros, e a gastos de persoal, que ascenden a 270.722,09 euros. Os investimentos reais supoñen 154.252,00 euros, mentres que as transferencias correntes a outras entidades alcanzan os 231.400,00 euros e as transferencias de capital, 16.000,00 euros. Os gastos financeiros son unha partida testemuñal, de apenas 2 euros.

Entre as contas aprobadas figuran tamén varias subvencións nominativas dirixidas a colectivos do municipio. A Comunidade de Usuarios de Auga de Casardeita recibirá 3.000 euros para melloras na traída veciñal. A Asociación Cultural Banda de Música de Ramirás e a Asociación Cultural Rebulir percibirán, cada unha, outros 3.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades durante o ano. Ademais, as asociacións de veciños de San Salvador de Penosiños e do Viso recibirán 6.500 euros cada unha, destinados aos seus respectivos centros socioculturais.

Xunto ao orzamento, o pleno tamén deu o visto e prace ao cadro de persoal da corporación. Entre o persoal funcionario figuran unha praza de secretario-interventor e outra de administrativo. A elas súmanse outras prazas de distinta natureza: un axente de emprego e desenvolvemento local, un mestre de infantil, un asistente de infantil e un chofer de tractor rozadoira, esta última cunha duración de nove meses ao ano.

O acordo plenario recolle así mesmo o réxime de indemnizacións e asistencias que percibirán os membros da corporación pola súa participación nos distintos órganos municipais. Así, a asistencia ás sesións do Pleno retribúese con 50 euros, mentres que a asistencia á Xunta de Goberno Local se fixa en 120 euros. As sesións das comisións informativas tamén se compensan con 50 euros, e a participación noutras reunións ou mesas de contratación, con 5 euros.

Para os desprazamentos con vehículo propio por comisións de servizo, establécese unha compensación de 0,26 euros por quilómetro percorrido, ademais do reembolso dos gastos de peaxe debidamente xustificados. En canto ás dietas por estadías fóra do termo municipal, fíxanse en 102,56 euros por aloxamento e 53,34 euros por manutención, o que supón unha dieta completa de 155,90 euros.

O acordo establece igualmente un límite para as axudas de custo, indemnizacións e desprazamentos do grupo de goberno, que non poderán superar o importe anual do IPREM en 14 pagas. Así mesmo, destínase unha partida de ata 3.000 euros para atencións protocolarias e representativas, que cobre gastos de comidas ou invitacións con autoridades doutras administracións ou con persoas vinculadas a asuntos municipais, así como agasallos institucionais.

0.21193385124207