O Concello de Taboadela completa a primeira fase de mellora viaria tras os danos do inverno

O Concello de Taboadela da por rematada a primeira fase das actuacións de mellora na rede viaria municipal, centrada na reparación dos danos provocados polas choivas do inverno en varias estradas do termo municipal.
Esta intervención realizouse mediante a aplicación dun tratamento de triple rego asfáltico, co obxectivo de mellorar o estado e a conservación dos viais afectados.
As actuacións desenvolvéronse en distintos puntos do municipio, entre eles A Pedreira, Outeiro–Amendo–N-525, A Reguenga, A Pousa e Pasadán.
Desde o consistorio sinalan que, aínda que esta primeira fase xa está concluída, continúan os traballos de avaliación por parte dos servizos técnicos municipais para detectar novas necesidades noutras estradas e camiños do termo municipal.
O Concello prevé iniciar unha segunda fase de actuacións dentro duns dous meses, coa que se continuará coa mellora progresiva da rede viaria de forma planificada e por etapas.