O Concello de Xunqueira de Espadanedo e ACCU Ourense colaboran en favor das persoas con Crohn e colite ulcerosa

O Concello de Xunqueira de Espadanedo e a Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU Ourense) estableceron unha nova colaboración destinada a promover proxectos e actuacións para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por estas enfermidades e das súas familias.
O acordo permitirá desenvolver iniciativas de información, accesibilidade, atención integral e sensibilización dirixidas ás persoas que conviven coa enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa, dúas patoloxías crónicas que afectan a miles de persoas e que teñen impacto en distintos ámbitos da vida cotiá.
As actuacións enmárcanse no Programa de atención social, asesoramento e intervención II desenvolvido por ACCU Ourense, financiado a través do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia e xestionado por COGAMI.
O presidente de ACCU Ourense, Fernando Jiménez, destacou a importancia de establecer alianzas coas administracións locais para achegar os recursos da entidade á cidadanía e subliñou que o obxectivo é traballar conxuntamente para desenvolver proxectos que respondan ás necesidades das persoas afectadas e do seu contorno.
Pola súa banda, a traballadora social da entidade, Chari Álvarez, sinalou que a cooperación institucional permite avanzar cara a unha atención máis próxima e integral, destacando que estes pacientes afrontan retos máis alá do ámbito médico e que a sensibilización e a accesibilidade son claves para o seu benestar e participación social.
O alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, manifestou o compromiso do Concello con iniciativas que melloren a calidade de vida da veciñanza e sinalou que esta colaboración permitirá achegar información e recursos ás persoas afectadas, así como promover accións de inclusión e benestar.
Entre as actuacións previstas inclúense medidas orientadas a mellorar a accesibilidade, incrementar recursos dispoñibles e desenvolver proxectos de apoio ás persoas afectadas.
Con esta iniciativa, ambas entidades reforzan o seu compromiso cunha sociedade máis inclusiva e sensible ás necesidades das persoas con enfermidade de Crohn e colite ulcerosa, promovendo unha resposta coordinada en beneficio tamén das súas familias e do seu contorno social.