O Concello fai un balance positivo das Festas de Ourense 2026

O Concello de Ourense celebra o “éxito total de público” das Festas de Ourense 2026 que, segundo o alcalde, acadaron unha elevada participación en todas as propostas. Entre elas menciona o espectáculo de drons, que, afirma, “totalmente abarrotada a Ponte Romana e as súas proximidades", así como o pregón de Rober Bodegas, as festas da mocidade con sesións de DJ, as orquestras, o tributo a Sabina, os espectáculos infantís, a xincana e as barracas, que describe como “que despregaron unha grande oferta”.
O rexedor tamén pon o foco nas actividades deportivas e de lecer, como o breaking, o torneo de futbolín ou o volei praia, así como nos fogos artificiais que puxeron o peche ás celebracións.
Pola súa banda, respecto ao Mercado Medieval instalado na Ponte Romana, Pérez Jácome asegura que “os profesionais non queren marchar de aí, xa que foi cando máis xente tiveron, desde o primeiro día”. Porén, a nova localización, impulsada xa o ano pasado, resulta polémica entre a veciñanza ante a fata de sombra e as elevadas temperaturas que adoita rexistrar a cidade por estas datas.
No apartado musical, Jácome asegura que os concertos principais acadaron cifras elevadas de asistencia. Segundo explica, os concertos de M-Clan e Café Quijano chegaron a picos de 6.000 espectadores, mentres que Hard GZ alcanzou os 7.000. Para o alcalde “estas cifras son os picos”, polo que cree que “a cantidade de xente que pasou polos concertos foi moito maior” e calcula “un 30% máis de público rotando”. “Realmente hai tempo que non se movía tanta xente en Ourense nuns concertos: tres seguidos e os tres de éxito total. E solucionamos moi ben o de Miguel Ríos, contratando a Café Quijano”, afirma Jácome.
Finalmente, o alcalde cualifica o espectáculo pirotécnico de clausura como “os mellores fogos artificiais da historia”, asegurando que o espectáculo, de 22 minutos, puido verse desde distintos puntos da cidade como o Seminario, a Cruz Alta, Montealegre, Covadonga ou as terrazas de Ponte Vella.