O consumo excesivo e varias avarías na rede de abastecemento provocan problemas coa auga en Ramirás

O Concello de Ramirás advirte da delicada situación que atravesa o servizo municipal de abastecemento de auga debido ao elevado consumo rexistrado nas últimas semanas e a varias avarías na rede, circunstancias que impediron a recuperación normal dos depósitos.
Segundo explica o Concello, durante o mes de xuño produciuse un consumo superior ao habitual, ao que se sumaron dúas avarías que mantiveron o sistema sen capacidade de recuperación completa.
A situación agravouse durante a primeira fin de semana de xullo, coincidindo co episodio de calor e a alerta amarela, cando o depósito de cabeceira rexistrou un consumo superior aos 800.000 litros. Posteriormente, entre o domingo 5 e o luns 6 de xullo, contabilizouse un consumo de 891.506 litros nos depósitos do Picouto e Vilariño, aos que se engadiron outros 139.590 litros na Corredoira-Outeiro, provocando o baleirado dos tres tanques.
Ante esta situación, o Concello procedeu ao peche dos depósitos na tarde do luns 6 de xullo e reabriunos na mañá do martes 7. Con todo, apenas unha hora despois a estación de tratamento e o depósito de Vilariño volveron quedar practicamente baleiros, cunha perda estimada dun litro por segundo, que podería estar relacionada con conexións a pozos a través da antiga rede de tubaxes.
O Concello xa informou da incidencia ás persoas afectadas e fai un chamamento á colaboración da veciñanza, especialmente ás persoas que dispoñen de pozos ou conexións antigas, para que pechen esas acometidas e contribúan a reducir o consumo.
Así mesmo, a administración local advirte de que adoptará medidas para evitar un uso inadecuado da auga e anuncia que continuará realizando cortes no subministro ata que os depósitos recuperen un nivel suficiente que permita garantir as necesidades básicas da poboación.