O deporte ourensán analiza en “Talento sen límite” os retos da igualdade e a inclusión

A segunda edición da iniciativa “Talento sen límite”, impulsada pola Deputación de Ourense, pechouse este venres no Centro Cultural Marcos Valcárcel tras unha xornada na que participaron once persoas vinculadas ao ámbito deportivo. O encontro, que reuniu máis dun cento de asistentes, serviu para reflexionar sobre os retos actuais cara a un deporte máis inclusivo e con igualdade de oportunidades.
As conclusións das dúas mesas redondas apuntaron a que as principais dificultades seguen a estar relacionadas coa falta de visibilidade, de recursos e de recoñecemento, especialmente en determinadas disciplinas e no deporte feminino. Os participantes coincidiron tamén na necesidade de mellorar o apoio institucional, a accesibilidade e a conciliación, ademais de reforzar a presenza de referentes que axuden a impulsar novas xeracións.
O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, foi o encargado de clausurar o encontro, destacando a vontade da institución de seguir traballando neste ámbito. Segundo sinalou, en Ourense “seguiremos a loitar para que ningunha barreira free o potencial dos nosos rapaces e rapazas”.
Fernández puxo en valor esta iniciativa como unha declaración de intencións do goberno provincial e defendeu que o obxectivo é avanzar cara a unha provincia “onde calquera neno ou nena, viva en Ourense capital ou no concello máis pequeno da nosa montaña, saiba que pode chegar ata onde a súa vontade lle leve, garantindo que todos teñen as mesmas oportunidades”. Durante a súa intervención, tamén lembrou o incremento das axudas provinciais ao deporte, con aumentos tanto nas subvencións a clubs como a deportistas individuais e eventos deportivos.
A xornada estruturouse en dúas mesas de debate con perfís de distintas xeracións. Nunha delas participaron profesionais con ampla traxectoria como adestradores, directivos e deportistas que analizaron a evolución histórica do deporte e as carencias dun pasado no que a igualdade e a conciliación eran practicamente inexistentes.
Na segunda mesa reuníronse deportistas e árbitros en activo que expuxeron a realidade actual, na que, malia os avances, consideran que aínda existen eivas importantes por resolver.
Entre os participantes estiveron representantes do fútbol sala, baloncesto, tenis, ximnasia e atletismo, así como deportistas de proxección internacional en disciplinas como a escalada ou o baloncesto.